Sen buscar consensos, dando moi pouco tempo para o seu estudo, e provocando un enfado importante na veciñanza, o goberno local de Pontecesures aprobou inicialmente, cos seus votos no pleno que tivo lugar na mañá do 19/11/12, a suba das taxas da auga do sumidoiro e dos cemiteiros para entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2013.
Como dispón a normativa o acordo foi exposto no Boletín Oficial da Provincia por 30 días hábiles a efectos de reclamacións. En concreto a publicación foi o 21/11/12 e ata este día foron presentadas tres dos grupos políticos da oposición (PP, ACP e IP) baseadas fundamentalmente en que coa maior recadación do IBI Urbana xa é suficiente para non subir máis tributos nestes tempos de crise cando ademais temos 3 concelleiros con dedicación no goberno municipal, e 320 de veciños de Pontecesures que coa súa sinatura apoiaron un texto de reclamación no que se expón que as economías familiares e as dos establecementos non poden soportar máis subas de tributos na actualidade.
Estas reclamacións teñen que ser debatidas polo pleno para aprobar definitivamente a modificación da ordenanza, coas subas, ou deixala sen efecto como se solicita nas propias reclamacións.
Pero resulta que o prazo de presentación de reclamaciones aínda remata o sábado 29 de decembro e como a lei esixe que para entrar en vigor as ordenanzas, ou as súas modificacións, deben ser publicadas antes no Boletín Oficial da Provincia e este periódico oficial non se publica nin o 30 nin o 31 de decembro, pois non se convocou o pleno para aprobar ou non definitivamente a modificación das ordenanzas e as subas non entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2013, tendo en conta que, por exemplo, a taxa de sumidoiros e a do cemiterio son anuais, dende o punto de vista do devengo, coa estrutura actual da ordenanza.
En fin; que no colmo da inoperancia temos un goberno que convocou un pleno inútil na mañá do 19 de novembro, ocasionou un gasto innecesario pois hai que pagar a indemnización por asistencia dos concelleiros a dita sesión, provocou o enfado na rúa dos contribuíntes polo intento de suba, alterou o labor dos traballadores da institución coa elaboración de expedientes absurdos non decatándose que era imposible que entraran en vigor as ordenanzas o primeiro de xaneiro próximo contando os 30 días hábiles de exposición pública.
Resulta incrible que ocorran estas situacións ridículas con tres concelleiros do goberno local cobrando unha dedicación exclusiva. Celebramos a boa nova para as economías familliares de que a suba das taxas non entre en vigor de momento, pero a imaxe de falla de seriedade que da a institución é realmente triste.
Imos ver con que nos sorprende agora o goberno local nesta materia tibutaria porque a improvisación e a falla de información están á orde do día.
Pontecesures, 28/12/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures