Os escolares de Valga navegaron pola Ruta fluvial de Arousa-Ulla.

O alumnado do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Valga continúa coa súa particular inmersión no Camiño de Santiago e, enconcreto, nas distintas rutas que discorren polo municipio pontevedrés. Se hai uns días os rapaces das escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Chenlo e Xanza percorreron a pé o Camiño Portugués entre O Pino e San Miguel, onte gozaron dunha xornada moi especial na que descubriron a Ruta marítimo-fluvial da Ría de Arousa e Río Ulla.

Trátase da coñecida como Traslatio, unha Ruta pola que, segundo conta a tradición, chegaron a Galicia os restos do Apóstolo Santiago e está considerada a orixe de todos os camiños de Santiago, segundo lembran desde o Concello de Valga.

Do mesmo xeito, contan dende a organización, a xornada foi completa cunha saída pola mañá dende a estación de tren de Pontecesures ata a localidade de Vilagarcía, onde os nenos e os seus mestres asistiron a unha relaxada sesión de cine. Ao remate da película, os rapaces comeron na praia e, a continuación, subiron ao catamarán para iniciar o remonte do Ulla.

Os setenta e nove alumnos das seis escolas do CRA valgués pasárono en grande na cuberta da embarcación, gozando coa experiencia e coas paisaxes ao tempo que lles explicaban os distintos lugares polos que ían pasando na súa navegación O desembarco tivo lugar no pantalán da praia fluvial de Vilarello, onde as familias os estaban agardando.

El Correo Gallego

O alcalde postúlase como vixía da legalidade do polígono empresarial de Pontecesures.

Vidal Seage replícalle ao BNG que inda quedan moitos informes técnicos previos antes de poder opinar sobre a conveniencia da elección da zona para o proxecto 

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, recoñecía onte, ao ser preguntado pola cuestión por este xornal, non ter coñecemento inda de primeira man nin do fondo nin da forma da proposición non de lei que o BNG vén de presentar no Parlamento de Galicia solicitando a suspensión da tramitación do futuro polígono empresarial da localidade do Baixo Ulla, na zona da Terroeira. Unha petición que a formación nacionalista sustenta en dous argumentos principais e conectados entre si: a ausencia inda dun informe de Augas de Galicia pese á inclusión dunha zona húmida nos 326.000 metros cadrados sobre os que a Xunta de Galicia dimensionará a nova zona industrial. Mais Vidal Seage non precisaba coñecer a redacción do texto da proposición do BNG para considerar «prematura» a iniciativa en contra dunha dotación que o concello precisaría como auga de maio.

«A min gústame falar con datos contrastados, e neste momento da película, cando non hai máis ca un estudo de impacto ambiental no que se informa de que non vai haber menoscabo medioambiental na contorna, sen datos contrastados inda sobre niveis de inundacións, de ruídos, paréceme prematura» a iniciativa parlamentaria do BNG, sinala o rexedor cesureño.

Neste punto, Vidal Seage lanza unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza do concello e, sobre todo, da que lle toque lindar co futuro polígono industrial, postulándose como o primeiro garante de que todo o que se acabe facendo se realice conforme a máis estrita legalidade: «Vanse precisar moitos máis informes sectoriais antes de facer o parque empresarial. Vai haber un informe de Augas de Galicia, evidentemente. Teremos que ver as solucións técnicas para que esa zona húmida afectada sexa drenable. Este alcalde vai vixiar o cumprimento de toda a normativa medioambiental. Calquera que teña interese neste proxecto ten a posibilidade de presentar alegacións. E o propio Concello, se ve que hai algo prexudicial para a súa veciñanza, presentará alegacións».

Sobre a insinuación do BNG da posibilidade de que xa haxa titular para unha parcela de 61.000 metros cadrados, Vidal Seage asegura que neste momento «non hai nin proxecto de parcelación». Lembra que non é o Concello, senón Xestur Galicia, ente da Xunta, quen promove o polígono. Con todo, engade: «A min bombardéanme a chamadas un montón de empresas, e a ninguén se lle escapa que a nosa é unha comarca de monocultivo industrial do aluminio»

La Voz de Galicia.

«Falamos de poder prescindir do coche para ir traballar»

«Cando afortunadamente hai unha gran demanda de instalación de empresas, cando empresarios locais me din que teñen que marchar a Padrón ou a Cuntis por non ter espazo no concello, faise un fraco favor xerando este tipo de incerteza», declara o alcalde de Pontecesures referíndose á petición do BNG de suspender o proxecto do polígono industrial. Unha iniciativa estratéxica en opinión de Vidal Seage, por canto, sinala, se está a falar da posibilidade de: «Un parque empresarial periurbano. Coas axudas europeas orientadas á mobilidade non contaminante, sendo o prezo da vivenda no noso concello accesible, falamos de poder ofrecer vivir en Cesures prescindindo do coche para ir traballar a carón da casa».

O BNG pide no Parlamento de Galicia a suspensión do parque empresarial de Pontecesures, que afecta a unha zona húmida

Á formación nacionalista chámalle a atención que Augas de Galicia non teña emitido un informe ao respecto e reclama que, se non o ten feito, o redacte xa

O parque empresarial de Pontecesures impulsado desde o goberno local encabezado polo popular José Manuel Vidal Seage e respaldado pola Administración autonómica, da mesma cor, dista de contar coa unanimidade dos representantes na corporación municipal cesureña. O Consello Local do BNG, a través de Luis Bará, vén de elevar ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que, en última instancia, reclama «suspender a tramitación do parque empresarial de Pontecesures, abrir un diálogo co Concello e coa veciñanza afectada e estudar outros posibles usos e aproveitamentos dos terreos nos que se proxecta».

A responsable local do BNG, Maite Tocino, explicaba onte como Luis Bará, parlamentario en Santiago, se reuniu o pasado venres coa veciñanza da zona de Terroeira que, de avanzar o parque empresarial como está previsto, se toparía con este á porta das súas casas. A cuestión é que, ademais dos problemas que isto lles poida ocasionar, e ao feito de tratarse boa parte dos 326.000 metros cadrados nos que se proxecta a área industrial de terreo agrario, a zona oeste afectada se levantaría sobre o lugar da Charca, un punto este no que, sinala Tocino: «Hai un bosque húmido con árbores autóctonas, desde salgueiros e amieiros ata carballos. Trátase ademais dunha zona inundable, na que existen numerosas canalizacións de regatos e auga subterránea».

Chegados a este punto, o BNG pon a lupa en cuestións capitais que lles fan pedir a suspensión do proxecto do parque empresarial. Así, Bará preguntará no Parlamento por que no informe ambiental estratéxico do parque empresarial recentemente emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente non consta o informe correspondente de Augas de Galicia, se este último existe e se Augas de Galicia manexa información sobre a zona húmida en cuestión e o potencial risco de inundacións se a man do home intervén para transformalo, preguntando ademais se ten previsto calquera estudo ou actuación ao respecto.

Así as cousas, na súa proposición non de lei, a formación nacionalista pedirá o apoio do Parlamento para reclamarlle á Xunta de Galicia un estudo hidrolóxico e un estudo hidroxeolóxico sobre os terreos nos que se proxecta facer o parque empresarial de Pontecesures, que Augas de Galicia elabore un informe sobre o impacto do proxecto na rede hídrica e no potencial risco de inundación da zona, próxima aos lugares da veciña Valga que tantos problemas tiveron coas enchentas fluviais, encargar un estudo sobre a potencialidade para uso agrario dos terreos en cuestión; e que se someta o proxecto do parque industrial ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Por que hai xa unha parcela de 61.000 metros delimitada?

Ademais de non entender a ausencia a estas alturas dun informe de Augas de Galicia, o Consello Local do BNG subliña outras carencias do recente informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental sobre a cuestión: «Oficialmente, non se di cales van ser as actividades do parque industrial. Pero xa está dividido e unha das parcelas é de 61.000 metros cadrados», o que podería levar a pensar que xa ten destino predeterminado. Tocino recorda que Cesures «ten 6,7 quilómetros cadrados, e quérense ocupar 326.000 metros cadrados na que seguramente sexa a última zona verde que queda no concello».

La Voz de Galicia

Falleció Joaquín Sánchez Márquez.

A los 77 años de edad falleció este vecino de la R/. Sagasta 10.

El velatorio está instalado en el tanatorio de Padrón. Mañana miércoles tendrá lugar el funeral a las 17 horas en la Iglesia de Pontecesures y el posterior traslado de los restos mortales al Cementerio Municipal de Condide.

Descanse en paz.