Afectaralle a Ames, Brión, Rois, Lousame, Noia, Muros, Carnota, O Son e Pontecesures.
Os traballadores da planta de xestión de lixo da Mancomunidade Serra
de Barbanza en Servia (Lousame) poranse hoxe en folga para reclamar un
plus de tóxicos acorde co das outras instalacións galegas. Por iso, non
haberá recollida nos dous concellos maiáns (Ames e Brión) e máis en
Rois, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.
Segundo
explicou Paulo Rubido, representante da CIG, nunha convocatoria xunto
con CC OO e UGT, preténdese axeitar o convenio colectivo co estatal, que
pasa pola consecución dun plus de tóxicos do 25 % para todos os
empregados que traballan no sector do lixo, «co agravante de que, na
planta lousamiá, existe un contacto máis directo, dado que a separación
faise manualmente», e son as traballadoras as que separan, a man, o
lixo.
O representante sindical salientou ademais que,
precisamente por este feito, «esta planta é a que ten mellor resultado
do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de
recuperación e reciclaxe de Europa». Rubido denunciou tamén a diferenza
salarial existente porque, co incumprimento dese plus de tóxicos, «quen
traballa en Lousame cobre até case un 45 % menos que un traballador ou
traballadora que desenvolva o mesmo traballo, na mesma categoría, nas
instalacións de Sogama, en Cerceda; ou que cobre un 16-17 % menos que un
traballador ou traballadora da de Albada».
A folga inicialmente está convocada só para esta xornada, pero supón, en verbas da CIG, un «aviso a navegantes», xa que podería alongarse durante todas as festas do Nadal.
El Correo Gallego