Os escolares de Valga navegaron pola Ruta fluvial de Arousa-Ulla.

O alumnado do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Valga continúa coa súa particular inmersión no Camiño de Santiago e, enconcreto, nas distintas rutas que discorren polo municipio pontevedrés. Se hai uns días os rapaces das escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Chenlo e Xanza percorreron a pé o Camiño Portugués entre O Pino e San Miguel, onte gozaron dunha xornada moi especial na que descubriron a Ruta marítimo-fluvial da Ría de Arousa e Río Ulla.

Trátase da coñecida como Traslatio, unha Ruta pola que, segundo conta a tradición, chegaron a Galicia os restos do Apóstolo Santiago e está considerada a orixe de todos os camiños de Santiago, segundo lembran desde o Concello de Valga.

Do mesmo xeito, contan dende a organización, a xornada foi completa cunha saída pola mañá dende a estación de tren de Pontecesures ata a localidade de Vilagarcía, onde os nenos e os seus mestres asistiron a unha relaxada sesión de cine. Ao remate da película, os rapaces comeron na praia e, a continuación, subiron ao catamarán para iniciar o remonte do Ulla.

Os setenta e nove alumnos das seis escolas do CRA valgués pasárono en grande na cuberta da embarcación, gozando coa experiencia e coas paisaxes ao tempo que lles explicaban os distintos lugares polos que ían pasando na súa navegación O desembarco tivo lugar no pantalán da praia fluvial de Vilarello, onde as familias os estaban agardando.

El Correo Gallego

A MESA PROVINCIAL DO CAMIÑO INCORPORA AOS CONCELLOS DA RUTA XACOBEA DO MAR DE AROUSA E RÍO ULLA.

Sanxenxo, Meaño, Catoira, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Pontecesures, Valga, Caldas e Vilanova únense ao órgano promovido pola Deputación.

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño promovida pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rutas xacobeas da provincia. Na sesión telemática celebrada hoxe acordouse a inclusión destes municipios polos que transcorre este itinerario, Sanxenxo, Meaño, O Grove, Catoira, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Vilanova, Valga, Pontecesures e Caldas. Así o referendaron as e os asistentes á Mesa, na que participaron, amais da  deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; os alcaldes e alcaldesas da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior e Vilaboa e concelleiras e concelleiros de Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Como lembrou Ana Laura Iglesias, en anteriores encontros coa presidencia da Mancomunidade do Salnés coincidiuse na necesidade de integrar estes municipios na Mesa Provincial do Camiño, co fin de dispoñer de información dos concellos polos que discorren os trazados oficiais dos camiños na provincia, así como dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión dos mesmos. A Mesa tamén ten como obxectivo difundir nacional e internacionalmente os valores culturais do Camiño e impulsar a cooperación e colaboración entre as administracións implicadas na súa xestión. A partir da próxima sesión da Mesa estes concellos poderán participar xa a través da figura do alcalde/sa ou persoa en quen deleguen. O representante da Xunta abstívose na votación da entrada destes concellos, ao non atenderse a súa demanda para a incorporación tamén dun representante da agrupación de concellos Mar de Santiago, que integra só a unha parte dos municipios da ruta.

No que respecta a esta petición, a Deputación insistiu en manter a composición formal da Mesa na que están os concellos e as asociacións do conxunto das rutas oficiais. Por outro lado, tamén pasará a integrar a Mesa o concello do Rosal, que a pesar de estar na ruta do Camiño Portugués da Costa, aínda non formaba parte do órgano da Deputación.

Doutra banda, a Mesa amosou o seu apoio ás demandas dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Baiona en relación á problemática do transporte en ferri entre A Guarda e Caminha, pendente do arranxo do pantalán da Guarda por parte da Xunta e, neste senso, acordouse trasladar a Portos de Galicia a reivindicación destes municipios sobre a necesidade de reparar o peirao á maior brevidade.

Balance

No transcurso da sesión tamén se puxeron sobre a mesa as distintas actuacións de promoción e posta en valor do Camiño na provincia de Pontevedra ao longo do 2021. Neste senso, a Deputación realizou accións de promoción en todas as variantes do Camiño a través de medios en liña. Recursos como o Pazo de Oca, o Mosteiro de Carboeiro, a fonte termal de Caldas, o Mosteiro de Armenteira, a catedral e casco histórico de Tui ou a ponte de Ponte Sampaio formaron parte das campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas así como de medios especializados. Amais, elaborouse un vídeo promocional das diferentes rutas estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e que tamén se divulgou unha presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Dito vídeo pon o acento na sostibilidade deste recurso turístico e na paisaxe con todos os seus matices como elemento diferenciador de Galicia e da provincia cando se fai o Camiño e se chega a esta terra.

Doutra banda, no eido do impulso e a transformación como destino sostible destacouse a aprobación dun investimento de 2 millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística no Destino de Deza-Tabeirós-Montes dentro da convocatoria do Ministerio de Industria Comercio e Turismo do Plan Nacional Xacobeo. O obxectivo deste proxecto é promover a transformación do sector turístico destas comarcas polas que pasa a Vía da Prata e rutas que solicitaron o recoñecemento oficial como é o Camiño Miñoto-Ribeiro e orientalo cara a un modelo ecoturístico do Camiño e unha experiencia memorable para as persoas viaxeiras. Nas vindeiras semanas formalizarase a sinatura do convenio co Ministerio e realizarase un primeiro encontro cos concellos destas comarcas para o arranque deste plan.

As vindeiras actuacións de promoción da ruta xacobea inclúen en abril a apertura da exposición “Camiños do Sur”, que percorrerá cinco concellos da provincia polos que transcorre o Camiño Portugués promocionando este itinerario cultural europeo e os recursos turísticos da contorna.

A Deputación tamén levou a cabo actuacións en materia de seguridade peonil, sinalización, mantemento e mellora do itinerario. Así, realizouse a roza de todas as vías provinciais polas que pasan as rutas do Camiño de Santiago e, no caso do Camiño Portugués, acometéronse actuacións de calmado de tráfico en Valga-Martores, Caldas, Portas, Barro (Curro-Portela) e Soutomaior. Tamén se  procedeu ao ensanche na EP-2906 Os Valos- Guizán (Redondela) e está case rematada a humanización de San Amaro en Barro. Ademais, foron remitidos aos concellos os proxectos dos tramos Tomeza-Figueirido (Pontevedra); Mos-Puxeiros (en Mos), e para a mellora da mobilidade peonil na rúa do Parque en Caldas. No que atinxe á mellora da seguridade na EP-25002 en Ribadelouro (Tui), a actuación está pendente da expropiación.

No Camiño Portugués da Costa leváronse a cabo melloras de seguridade peonil en Baiona, no tramo Baredo-Lourenza, e de calmado de tráfico en Nigrán, no tramo de A Ramallosa. E na Vía da Prata en breve procederase á contratación da mellora da mobilidade peonil na EP-6102 en Rodeiro. Amais, procedeuse á mellora da sinalización vertical nas interseccións do Camiño de Santiago coas estradas provinciais nas rutas oficiais que pasan por esta provincia.

Doutra banda, a Deputación colaborou noutras actividades nos concellos, como “Meu Camiño, teu Camiño”, da entidade Prado Surf; “Unha aldea de Nadal no Camiño” da Asociación Etnográfica de Codeseda (Lalín); “Navegas Patrimonio Industrial Marítimo Pesqueiro no Camiño de Santiago”, da Fundación para a Pesca e o Marisqueo; «Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela» da Fundación Carlos Casares e o Festival de Órgano no Camiño, da Orquestra Clásica de Vigo. Actividades ás que hai que unir outras no eido da conservación do Patrimonio, con actuacións nos bens de Silleda, Caldas, Redondela, Lalín, Barro, O Porriño, Soutomaior ou Portas.

Deputación Provincial

VISITA Á EXPOSICIÓN NO MUSEO DE PONTEVEDRA DOS TRABALLOS REALIZADOS POLOS NENOS/AS DE PONTECESURES AO ABEIRO DA INICIATIVA «O MUSEO EN CAMIÑO».

O Alcalde, Vidal Seage, e a Concelleira de Educación, Laura Villar, visitaron o Museo de Pontevedra para comprobar a exposición dos traballos levados a cabo polos nenos e nenas de Pontecesures dentro da iniciativa “O Museo en Camiño” que o Museo de Pontevedra levou a cabo en pasadas datas dentro do programa “O Teu Xacobeo”.

Dito programa, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos converte o Museo de Pontevedra nun museo itinerante levando unha escolla do patrimonio atesourado pola institución provincial por diferentes concellos do Camiño Portugués co fin de difundir os valores da ruta milenaria e o universo Xacobeo.

No enlace adxunto máis abaixo, pódese visualizar un video resumo dos traballos realizados polos nenos e nenas de Pontecesures.

Aproveitaron a visita tamén para manter unha entrevista co director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, e a técnica en restauración, Mercedes del Campo Lores, e comprobaron os traballos de restauración da Bandeira da Liga de Amigos do Carmen e a Acta Fundacional da Liga, que fora levada para a súa restauración a comezos de ano e que con toda probabilidade recuperará o seu destacado lugar no Salón de Plenos do Concello antes de que remate este ano.

Enlace ao vídeo:

A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘saborEarte’ CHEGA Á PRAZA DE ABASTOS DE PONTECESURES

A exposición xa pode verse no mercado e permanecerá instalada ata o vindeiro 15 de xullo. A mostra recolle as imaxes obtidas nos eventos gastronómicos celebrados no Camiño Portugués da Costa durante o pasado mes de maio.

Do 8 ao 15 de xullo, todo aquel que se achegue á Praza de Abastos do Concello de Pontecesures poderá admirar a fotografía gastronómica de Adolfo Enríquez gracias áexposición ‘saborEarte’. A mostra está conformada por 23 fotografías obtidas no transcurso dun proxecto que se centrou en presentar a gastronomía local como recurso de alto valor para a promoción turística. Fíxose a través de mostras de cociña, nas que os produtos de proximidade de cada un dos cinco destinos escollidos, foron os protagonistas.

Agora, a exposición ‘saborEarte’ ofrece a oportunidade de coñecer non só os pratos rematados, senón tamén algunhas instantáneas das xornadas gastronómicas do proxecto que, debido á situación sanitaria, tiveron que celebrarse con aforo pechado e convite previo. Os eventos ‘saborEarte’ arrincaban o pasado 30 de abril, con citas semanais que percorreron os concellos do Rosal, Soutomaior, Portas, Pontecesures e Padrón. A exposición fotográfica retorna agora aos concellos anfitrións do proxecto, aos que se sumará unha última cita en Santiago de Compostela. A fin de redundar no valor promocional da fotografía gastronómica, tanto as imaxes seleccionadas para a exposición coma outras realizadas durante os eventos ‘saborEarte’, atópanse a disposición de todos os usuarios na web www.saboreartenocamino.com para a súa descarga e libre utilización.

Chega a Padrón o a mostra ‘Museo en Camiño’ a vindeira semana.

O vindeiro 18 de xuño o Auditorio Municipal do Concello de Padrón acollerá a mostra Museo en Camiño, deseñada polo Museo de Pontevedra e o programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O obxectivo desta exposición itinerante é dar a coñecer os fondos da institución museística e afondar no espírito Xacobeo nos municipios do Camiño Portugués. Así, Padrón é un dos destinos desta mostra, que percorrerá entre os meses de abril, maio e xuño dez localidades; Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Rei, Valga e Pontecesures.

El Correo Gallego

INICIANSE OS TRABALLOS PARA A COLOCACIÓN DOS NOVOS PANTALÁNS NO PEIRAO DE PONTECESURES.

No día de onte deron inicio os traballos de pilotaxe para a colocación dos novos pantaláns no peirao cesureño. Unha pontona colocada na zona fronte ao Espazo cara a Ría está a levar a cabo estes traballos.

Está prevista a colocación de novos módulos no pantalán do Club Náutico que  permitirá unha maior operatividade e fluidez nas actividades que se levan a cabo na instalación municipal,  xa que se trata de embarcacións de 5.20 metros a máis pequena e as características actuais do pantalán solo permiten embarcar dous deportistas ao mesmo tempo, producindo un enorme atasco ao inicio e fin dos adestramentos e práctica de deportes de auga.

Por outra banda, tamén se prevé a colocación dun novo pantalán para dar servizo ao transporte de viaxeiros que será ubicado fronte á Praza de Abastos de Pontecesures.

Recentemente, a EPE de Portos de Galicia autorizou a prestación de servizos regulares ao pasaxe no porto de Pontecesures coa finalidade de atender e dinamizar a demanda turística de navegación recreativa polo río Ulla e, especialmente, o roteiro de peregrinación fluvial do Camiño de Santiago na Variante Espiritual do Camiño Portugués e a recentemente presentada ruta do Mar de Santiago.

Na actualidade, os viaxeiros que chegan a Pontecesures están a facer uso do pantalán de uso pesqueiro existente, o cal non garante condicións de seguridade para os pasaxeiros dende o punto de vista de prevención de riscos aos usuarios, polo que procede separar os usos en diferentes instalacións, mellorando ademáis a imaxe do peirao cesureño ao contar con un pantalán específico para pasaxe de cara ao previsible incremento de embarcacións que teñan en Pontecesures porto de destino e orixe para travesías polo río Ulla e ría de Arousa.