Catro veciñas da avenida da Coruña de Valga gañan o certame Anguía Chef.

Mónica, María, Sandra e Laura conquistaron ao xurado cun pastel.

Tiveron que superar unha cata a cegas de ingredientes e responder un test cultural.

Mónica, María, Sandra e Laura gañaron cun pastel de anguía con capas superpostas de puré de pataca / c.v.

Mónica, María, Sandra e Laura gañaron cun pastel de anguía con capas superpostas de puré de pataca.

concurso Anguía Chef, organizado polo Concello de Valga no marco do Agosto Gastronómico para buscar aos mellores cociñeiros valgueses de anguía, xa ten gañadoras: un grupo de veciñas da avenida da Coruña que protagonizaron unha divertida batalla de sexos aos fogóns e que conquistaron aos membros do xurado co prato O ollo da anguía.

Mónica, María, Sandra e Laura fronte a Sergio, José, Arturo e Iván, e catro probas culinarias pero tamén culturais para proclamar aos vencedores. Os aspirantes a mellores cociñeiros tiveron que demostrar a súa destreza e rapidez desespiñando anguía, un dos procesos máis laboriosos no cociñado deste peixe.

Os concursantes sometéronse a unha cata a cegas de ingredientes

Os concursantes sometéronse a unha cata a cegas de ingredientes.

O xurado tamén puxo a proba o sentido do gusto dos participantes, cunha cata a cegas na que tiveron que recoñecer ingredientes como noces de macadamia, algas ou vinagre de módena, entre outros.

Asimesmo, avaliáronse os seus coñecementos sobre a historia e cultura de Valga, con preguntas como en que ano morreu a Bella Otero, cando comezou a celebrarse a Festa da Anguía ou que bispo se di que está enterrado na contorna da capela dos Martores.

Cada unha destas probas outorgou unha serie de vantaxes aos equipos para a gran final, na que os dous equipos tiveron que cociñar unha mesma receita: un pastel de anguía con ingredientes como pataca cocida, aguacate, maionesa ou cebola, ademais do peixe estrela de Valga como produto principal.

O xurado, que valorou cuestións como a limpeza, o empratado e o sabor, deu a ambos equipos a receita básica para elaborar os pratos, pero deixando nas mans dos participantes os aliños e o tratamento da anguía, para que demostrasen a súa creatividade e arte culinaria.

Ademais, a medida que pasaba o tempo, introducíronse diferentes retos que convertiron o cociñado nunha competición do máis divertida que ata contou con público e animación para ambos bandos.

O equipo masculino, formado por Sergio, José, Arturo e Iván, preparou o prato ‘Anguía en dúas texturas’

O equipo masculino, formado por Sergio, José, Arturo e Iván, preparou o prato ‘Anguía en dúas texturas’.

Sabotear aos rivais

Roubar algún ingrediente ou utensilio aos contrincantes, sabotear ao rival ou cambiar de equipo durante uns minutos foron algunhas destas probas ás que se someteron.

E, a pesar de partir da mesma receita, os resultados da competición foron bastante diferentes. Os homes presentaron o prato Anguía en dúas texturas: unha cama de puré de patacas e maionesa de soia, sobre ela aguacate e tomate e anguía rebozada e cocida con vinagreta.

Pola súa banda, o equipo feminino bautizou a súa elaboración como O ollo da anguía, pola súa similitude con esta parte do rostro. Era un pastel de anguía no que se superpoñían capas de puré de patacas con lima, maionesa de trufa, cebola, tomate e anguía cocida en salpicón. A receita completouse con anguía crocante.

O concurso desenvolveuse no parque Irmáns Dios Mosquera entre o xoves 17 e o venres 18 de agosto.

La Voz de Galicia

Oito negocios participan no concurso Tapa a Anguía de Valga.

Terá lugar nas dúas últimas fins de semana de agosto

A Ruta-Concurso «Tapa a Anguía», que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xa ten establecementos participantes. Serán pastelería Caprichos, bar Maneiro, bar Potel, café-bar Couceiro, cafetería Auditorio, bar Pardal e Praia Fluvial de Vilarello. O Concello de Valga será o encargado de facerlles chegar a anguía xa limpa para que poidan preparar as tapas. A ruta prolongarase durante as dúas últimas fins de semana de agosto. O apartado de concurso celebrarase os días 21 e 22, mentres que na seguinte fin de semana tan só haberá degustación. Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións.

La Voz de Galicia

Valga convoca o concurso da mellor caña destilada do país.

O Concello de Valga vén de convocar, un ano máis, o Concurso da Caña do País, unha iniciativa que se enmarca dentro da programación da edición número trinta da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebra na última fin de semana do mes de agosto. Ao certame poden concorrer destiladores artesanais dados de alta no rexistro da Axencia Tributaria. Entre os mellores produtores repartiranse setecentos euros en premios. O concurso consta das tres modalidades habituais: caña branca, tostada e de herbas. Os interesados en participar deben acudir ás oficinas municipais a solicitar as botellas correspondentes e, despois, presentar os licores debidamente embotellados. O prazo permanecerá aberto ata as dúas da tarde do día 26 de agosto. As catas das augardentes terán lugar os días 27 e 28 de agosto no Centro de Interpretación da Caña do País. O produtor da mellor caña branca será gratificado con trescentos euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a douscentos. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo. O vencedor de cada unha das modalidades quedará obrigado a vender ao Concello o garrafón premiado.

La Voz ded Galicia

Valga acolle un ano máis a tradicional ruta-concurso Tapa a Anguía.

Igual que nas seis edicións anteriores, Valga acollerá un ano máis o roteiro-concurso Tapa a Anguía. Esta actividade é xa unha parte máis da programación da tradicional festa da Anguía e Mostra da Caña do país, como un xeito de promocionar un dos produtos protagonistas e que todos os anos pon á vila no mapa: a anguía. Tamén se busca con esta iniciativa incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio valgués.

Para esta edición xa están escollidos os participantes, que serán seis establecementos da vila: o Café-bar Couceiro, o Bar Juan, a Cafetería Auditorio, a Pastelería Caprichos, o Café-bar O Pontellón máis o Bar Pardal. A ruta concurso consiste nunha degustación de tapas de anguía, que posteriormente se someterán a votación tanto poular como por un xurado profesional, e os locais que resulten gañadores recibirán os Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Asemade, o xurado escollerá unha tapa que se poderá desgutar na festa da Anguía do 2021.

Será o concello o encargado de levar o animal, xa limpo, aos diversos establecementos para que poidan elaborar as tapas. Ademais, só por votar, os asistentes entrarán automáticamente nun sorteo de dez vales de 30€ para gastar nun comercio local.

A ruta-concurso Tapa a anguía deste ano levarase a cabo as dúas últimas fins de semana de agosto, os días 22, 23, 29 e 30. Os petiscos serviranse de balde entre as 12.00 e as 15.00 horas, e os sábados tamén pola tarde de 20.00 a 23.00 horas.

El Correo Gallego

A ruta das tapas de anguía de Valga contará con dez participantes.

A clientela poderá votar a receita que máis lle guste durante os días 24 e 25 de agosto.

A sexta edición da ruta-concurso «Tapa á Anguía» de Valga contará coa participación de dez establecementos de hostalería do municipio. Os bares e restaurantes inscritos e as tapas que ofrecerán son: café-bar Couceiro con «Anguía á brasa con salsa verde»; bar Juan coa tradicional «Empanada de anguía», café-ba Potel con «Anguía ao estilo Potel», cafetería Auditorio con «Ópera anguía», pastelería Caprichos con «Anguía na tella», bar Maneiro e a súa «Anguía ao estilo Maneiro», bar Alba cun «Rolo de anguía», café-bar Pontellón coa «Anguía ao estilo Pontellón», bar Pardal con «Tapa Pardal» e Corona de Galicia e a súa «Anguía La Fabulosa».

Os establecementos servirán as tapas aos seus clientes de xeito gratuíto coas consumicións os días 24 e 25 de agosto durante os que se desenvolverá o concurso, e tamén o 31 de agosto, a modo de degustación con motivo da xornada grande da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Será o Concello o que lles facilite a anguía xa limpa para que os cociñeiros poidan preparar as receitas.

Entre as persoas que acudan a degustar as tapas e participen na elección da mellor sortearanse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local.

A votación popular terá un peso do 50 % na elección da tapa gañadora, mentras que o outro 50 % recaerá sobre un xurado designado pola concellería de Cultura. O bar que elabore a mellor receita recibirá o Mandil de Ouro e o segundo e terceiro clasificados, os mandís de prata e bronce.

La Voz de Galicia

Aberto o prazo para participar en Tapa a Anguía.

Ata o 8 de agosto • O Concello de Valga está inmerso nos preparativos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se desenvolverá na vila a finais de mes. Como xa ven sendo tradición nos últimos anos, arredor dese festexo articúlase unha ruta de tapas de anguía na que poden participar restaurantes e bares da localidade durante os días 24, 25 e 31 de agosto. A inscrición está aberta ata o vindeiro xoves.

La Voz de Galicia