MAÑA SABADO CONCENTRACION E MARCHA POLO 25N

Mañá sábado, con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, terá lugar unha concentración na Plazuela ás 17 horas onde faremos lectura dun manifesto para amosar o compromiso de todas e todos na loita contra a violencia de xénero e, a continuación, daremos inicio á marcha en sinal de repulsa polos asasinatos e apoio ás vítimas, a cal recorrerá as rúas centrais do pobo.

Nota: En caso de choiva a concentración realizarase na praza de abastos.

SAMAIN 2021 – PONTECESURES

O vindeiro venres 29 de outubro festexamos o Samaín en Pontecesures. A partir das 18 horas, os veciños e veciñas poderán achegarse á Praza de Abastos e sumarse ás celebracións arredor desta data.Haberá un desfile de disfraces con premios para os máis terroríficos e elaborados; para participar no mesmo tan só vos tedes que anotar no mesmo día. Poderedes traer tamén as vosas cabazas a concurso e conseguir algún agasallo; pero, sobre todo, non esquezades reunir valor e coraxe suficiente para enfrentar o espeluznante día en que, contan, é mais sinxelo transitar entre o mundo dos vivos e dos mortos…

A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘saborEarte’ CHEGA Á PRAZA DE ABASTOS DE PONTECESURES

A exposición xa pode verse no mercado e permanecerá instalada ata o vindeiro 15 de xullo. A mostra recolle as imaxes obtidas nos eventos gastronómicos celebrados no Camiño Portugués da Costa durante o pasado mes de maio.

Do 8 ao 15 de xullo, todo aquel que se achegue á Praza de Abastos do Concello de Pontecesures poderá admirar a fotografía gastronómica de Adolfo Enríquez gracias áexposición ‘saborEarte’. A mostra está conformada por 23 fotografías obtidas no transcurso dun proxecto que se centrou en presentar a gastronomía local como recurso de alto valor para a promoción turística. Fíxose a través de mostras de cociña, nas que os produtos de proximidade de cada un dos cinco destinos escollidos, foron os protagonistas.

Agora, a exposición ‘saborEarte’ ofrece a oportunidade de coñecer non só os pratos rematados, senón tamén algunhas instantáneas das xornadas gastronómicas do proxecto que, debido á situación sanitaria, tiveron que celebrarse con aforo pechado e convite previo. Os eventos ‘saborEarte’ arrincaban o pasado 30 de abril, con citas semanais que percorreron os concellos do Rosal, Soutomaior, Portas, Pontecesures e Padrón. A exposición fotográfica retorna agora aos concellos anfitrións do proxecto, aos que se sumará unha última cita en Santiago de Compostela. A fin de redundar no valor promocional da fotografía gastronómica, tanto as imaxes seleccionadas para a exposición coma outras realizadas durante os eventos ‘saborEarte’, atópanse a disposición de todos os usuarios na web www.saboreartenocamino.com para a súa descarga e libre utilización.

INICIANSE OS TRABALLOS PARA A COLOCACIÓN DOS NOVOS PANTALÁNS NO PEIRAO DE PONTECESURES.

No día de onte deron inicio os traballos de pilotaxe para a colocación dos novos pantaláns no peirao cesureño. Unha pontona colocada na zona fronte ao Espazo cara a Ría está a levar a cabo estes traballos.

Está prevista a colocación de novos módulos no pantalán do Club Náutico que  permitirá unha maior operatividade e fluidez nas actividades que se levan a cabo na instalación municipal,  xa que se trata de embarcacións de 5.20 metros a máis pequena e as características actuais do pantalán solo permiten embarcar dous deportistas ao mesmo tempo, producindo un enorme atasco ao inicio e fin dos adestramentos e práctica de deportes de auga.

Por outra banda, tamén se prevé a colocación dun novo pantalán para dar servizo ao transporte de viaxeiros que será ubicado fronte á Praza de Abastos de Pontecesures.

Recentemente, a EPE de Portos de Galicia autorizou a prestación de servizos regulares ao pasaxe no porto de Pontecesures coa finalidade de atender e dinamizar a demanda turística de navegación recreativa polo río Ulla e, especialmente, o roteiro de peregrinación fluvial do Camiño de Santiago na Variante Espiritual do Camiño Portugués e a recentemente presentada ruta do Mar de Santiago.

Na actualidade, os viaxeiros que chegan a Pontecesures están a facer uso do pantalán de uso pesqueiro existente, o cal non garante condicións de seguridade para os pasaxeiros dende o punto de vista de prevención de riscos aos usuarios, polo que procede separar os usos en diferentes instalacións, mellorando ademáis a imaxe do peirao cesureño ao contar con un pantalán específico para pasaxe de cara ao previsible incremento de embarcacións que teñan en Pontecesures porto de destino e orixe para travesías polo río Ulla e ría de Arousa.

O VINDEIRO VENRES DÍA 11 CINE E POESIA CO PROGRAMA DO XACOBEO «SEMENTEIRA NO CAMIÑO»

O próximo venres día 11, a partir das 19 h na praza de abastos, temos unha dobre cita con cine e poesía. O Programa «SEMENTEIRA NO CAMIÑO», patrocinado polo Xacobeo 21-22 trae ao Concello de Pontecesures pa roxección da película «Al final del Camino», e lectura de poesía a cargo de Cándido Duro, poeta local. Aforo limitado a 40 persoas sentadas. haberá un rexistro de asistencia e toma de temperatura coma medidas preventivas.