Mañá, 12 de outubro, festividade do Pilar en San Xulián.

Polá maña haberá pasarrúas a cargo do grupo de gaitas «Xarandeira» de Pontecesures.
Ás 12:00 horas terá lugar a Misa Solemne na Capela de San Xulián que será oficiada polo Párroco de Pontecesures, Arturo Lores Santamaría, e cantada pola Coral do Liceo Marítimo de Rianxo.
De seguido sairá a procesión coa imaxe da Virxe do Pilar e, para rematar os actos, actuará o grupo de baile «Xarandeira» de Pontecesures.

Organiza os actos a Asociación de Veciños de San Xulián, que convidou aos mesmos a todos os membros da corporación municipal de Pontecesures, e tanto o custo da misa como o do coro corre a cargo de Lucía Pardal Miguéns.

Dolores Ferro Trasande recibe o premio do sorteo das Festas do Carme de Pontecesures.

Nota da concellería de relacións institucionais de Pontecesures.

Na mañá de hoxe, 31 de agosto, a alcaldesa de Pontecesures, Maribel Castro, entregou á veciña de San Xulián (Pontecesures), Dolores Ferro Trasande o premio do sorteo celebrado o derradeiro día das Festas do Carme 2010, entre as persoas que colaboraron cun donativo para sufragar o custo de ditas festas. Foi unha iniciativa do concello para incentivar a recadación.

O premio consiste na estadía para dúas persoas, en rexime de aloxamento completo e con servizo de SPA, no Hotel Carlos I de Sanxenxo os días 3, 4 e 5 de setembro de 2010.

Esta concellería quere salientar que se obtiveron máis de 18.600 euros para as festas entre os donativos ingresados na conta bancaria e os cartos recadados polas portas, e agradecer a todos os colaboradores o apoio económico para estas festas.

Actuación do mago, Cayetano Lledó, o venres 13 en Pontecesures.

Dentro do programa «Camiños da Cultura», financiado pola Consellería de Cultura e polo Concello de Pontecesures, o venres día 13 de agosto, as 21 horas, o mago Cayetano Lledó presenta no Centro Social de Pontecesures (Camiño de San Xulián nº 4 – baixo) o espectáculo «Pequena Feira Máxica», que ten unha duración aproximada de 70 minutos.

Vaise desenvolver un espectáculo de maxia, con comedía e humor indicado para público familiar. Así haberá ilusionismo teatral con maxia musical, comedia, manipulación de cartas e bólas, malabarismo de contacto, clown, cambios de vestiario, mentalismo, telequinesía…

Dende o goberno local faise un chamamento aos veciños para que asistan a este divertido espectáculo.

Ancheamento nun tramo da rúa do Castro en San Xulián.

Hai bastante tempo derrubouse parcialmente un muro de 18 metros que contiña a pista do Castro sobre un terreo municipal, permanecendo os sinais de perigo a carón do muro perante todo este tempo, tendo en conta que a zona en cuestión e moi transitada por vehículos e peóns ao estar nas proximidades do CPI Pontecesures.

Pois ben; nestes días comezouse a construir o novo muro por parte dos obreiros municipais, pero cunha importante novidade: Estase a anchear a pista en 1,5 metros, gañándose así 27 metros cadrados nun tramo estreito. Ademais de facilitarse o tránsito de vehículos e peóns pola rúa do Castro, a mellora vai posibilitar que os vehículos que baixan pola rúa Mimosas para San Xulián non teñan necesidade de facer manobras para incorporarse pola rúa do Castro. Así o xiro directo vai ser posible, eliminándose atrancos e retencións nesta intersección.

O goberno local segue coa súa política de tentar anchear os viais no posible para beneficio de todos.