Di que é unha intérprete que «apoia e xustifica a colonización de Palestina e a violencia racial que o Estado israelí aplica sobre a poboación árabe»
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que «non é de recibo» gastar diñeiro público nunha intérprete que «apoia e xustifica a colonización de Palestina e a violencia racial que o Estado israelí aplica sobre a poboación árabe», polo que pide suspender o concerto de Noa e reclama á Xunta que faga «prevalecer a ética» á hora de contratar artistas.
Nun comunicado, AGE resalta que as simpatías co sionismo militar de Noa «son notorias» e recorda que en 2009 chegou a denominar «traballo á matanza, efectuada polo Estado de Israel a través do seu exército, de 1.400 palestinos na Franxa de Gaza».
«Non imos considerar a arte musical da solista», di o deputado Xabier Ron, quen advirte, a liña seguida, que «non todo vale neste mundo e a ética debe prevalecer tamén na contratación de artistas pro parte da Administración pública».
Alternativa recorda que o pobo de Palestina «vive hoxe prisioneiro no seu propio territorio, rodeado dun enorme muro que segrega as xentes». Así, tamén esixe á Xunta que «rompa relacións con Israel e cancele o concerto do 21 de maio», que recentemente anunciou a Consellería de Educación e Cultura.
«¿ Como podemos contratar unha persoa que apoia unha colonización denunciada por organismos internacionais ou un bloque a Gaza que impide a chegada ao lugar de alimentos e medicinas?», pregúntase o parlamentario de AGE, grupo que tamén preguntará á Consellería de Cultura polo custo do concerto e se apoia os actos de «ocupación» do territorio de Palestina e a «constante vulneración dos dereitos humanos por parte de Israel».
EL CORREO GALLEGO, 12/05/13