O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destina 10.000 Euros a Filipinas a través de Acnur e abre unha conta de emerxencia.

Publicado por CONCELLO DE PONTECESURES en

logo fondo galego de cooperacion

 

 

A asociación de concellos e deputacións apoia á poboación a través da axencia da ONU para as persoas refuxiadas e recadará fondos para a reconstrución

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (do que forma parte o Concello de Pontecesures) vén de doar 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) para axudar a poboación afectada polo tifón Haiyán en Filipinas. A axencia das Nacións Unidas está prestando asistencia humanitaria en terreo ás e aos superviventes do devastador ciclón que o 9 de novembro arrasou a rexión central do país.

A Asemblea de socios do Fondo Galego, integrado por 90 concellos e dúas deputacións, resolveu ademais poñer a disposición a súa conta de emerxencia para esta causa. Cos fondos recadados financiaranse proxectos de reconstrución na zona unha vez superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas. As persoas e entidades que desexen realizar a súa achega poden facelo no número de conta 2091 0209 10 3040019000 de Novagalicia Banco, indicando ??Emerxencia Filipinas?.

Os datos oficiais cifran nunhas 4.000 as persoas falecidas por mor do supertifón, aínda que segundo outras fontes poderían chegar a 10.000. A Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios estima que 13 millóns de persoas se están vendo afectadas polo tifón Haiyan e que máis de catro millóns foron desprazadas. Perante esta situación, o Fondo Galego vén de manifestar a través dun comunicado as súas accións e o desexo do municipalismo galego de que ??a emerxencia humanitaria que agora comeza exprese o mellor do sistema internacional de cooperación para fuxir de grandes erros presentes noutras recentes catástrofes humanitarias, primando a atención ás vítimas?.

O texto prosegue indicando que ??as consecuencias deste desastre natural obrígannos necesariamente a reflexionar sobre a necesaria posta en valor do Obxectivo do Milenio nº7: Garantir a sustentabilidade ambiental, facendo un chamado a Estados e empresas a respectar os acordos internacionais que formulan a consecución desta meta?. Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a financiar dous proxectos de senllas ONGD galegas a prol da prevención de riscos fronte aos desastres naturais en Cuba e El Salvador.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.