As rúas de Padrón recuperan o 24 de xullo o Gran Derbi Asnal.

Publicado por Redacción en

O Concello de Padrón vén de facer públicas as bases que rexerán o Gran Derbi Asnal 2022, unha cita senlleira e moi atractiva para o público que reúne edición tras edición a centos de seguidores polas rúas de Padrón, no marco das festas do Santiaguiño do Monte. Como xa vén sendo tradicional, a popular carreira de burros volverá ás rúas do casco histórico da vila o día 24, véspera do día grande do Santiaguiño do Monte, ás 20.30 horas.

Os e as xinetes que desexen participar na carreira deberán formalizar a súas inscricións entre os días 11 e 21 do mes de xullo (ambos inclusive). Para elo deberán entregar a correspondente solicitude de participación nas oficinas do Centro Social, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén poderán remitir a mesma por correo electrónico ao enderezo cultura@padron.gal.

CONDICIÓNS. Tal e como recollen as bases do concurso, só poderán participar persoas maiores de 16 anos. Os participantes menores de 18 anos terán que formalizar a inscrición acompañados do pai\nai ou titor\a legal e presentar o DNI. Desde o Concello precisan que non se aceptarán inscricións o mesmo día da carreira.

En canto aos galardóns, nesta edición do certame establécese un primeiro premio de 100 euros e trofeo para o propietario do burro que faga o percorrido completo e chegue á meta no menor tempo.

O segundo premio será de 80 euros e trofeo, e o terceiro, de 60 € e trofeo. Tamén se establece un premio especial á mellor morfoloxía cunha contía económica de 50 euros e o seu trofeo.

Así mesmo, co obxecto de potenciar a participación no Derbi Asnal 2022, o Concello de Padrón gratificará con 40 euros ao dono de cada animal participante e con 20 euros a cada xinete.

Subliñar que a carreira de burros consistirá en dar catro voltas ao circuíto circular deseñado polo casco histórico, con saída e meta na rúa Tetuán. Deste xeito, xinetes e monturas pasarán pola rúa Real, a praza de Ramón Tojo, rúa Rosalía de Castro, rúa Longa e a propia rúa Tetuán ata completar a totalidade das voltas previstas.

En canto ao xurado, composto por 5 persoas e nomeado pola Concellaría de Festexos, será o encargado de supervisar e valorar o derbi. E, unha vez finalizada a carreira, levantará a acta correspondente.

CONTROL. Como xa vén sendo habitual, un equipo de veterinarios será o encargado de supervisar a saúde e as certificacións dos animais participantes.

Cómpre remarcar que cada burro inscrito deberá estar identificado co microchip e gozar de boas condicións sanitarias. Non se aceptará a participación de ningún burro sen microchip, que non estea correctamente identificado ou que, os veterinarios non consideren aptos para o concurso.

As bases do certame tamén establecen a prohibición de maltrato animal, o uso do freo, fusta ou calquera outro elemento para arrear ao animal durante a carreira. Quen faga uso dos mesmos quedará automaticamente descualificado, segundo precisan.

O dorsal co número de participación entregarase por orde de solicitude no Campo do Souto (diante daspolbeiras), unha vez realizada a revisión e certificación polo persoal veterinario. Cada xinete deberá levar o dorsal colocado nun lugar visible.

Indicar, finalmente, que os premios e gratificacións aboaranse ao remate do concurso, unha vez finalizada a carreira, segundo consta nas bases.

El Correo Gallego

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.