O Encontro dos Maiores de Valga cumpre 25 anos cun xantar o 30 de abril.

A festa será no pavillón de Cordeiro e inclúe a actuación da Banda de música municipal de Valga
OEncontro cos nosos maiores de Valga cumpre este ano a súa edición número vinte e cinco o que supón un cuarto de século reunindo á poboación máis veterana do concello nunha xornada de confraternidade. A edición do 2023 terá lugar o vindeiro 30 de abril, domingo, no pavillón municipal de Cordeiro e nela poden participar os veciños que teñan cumpridos 65 anos ou que os cumpran durante este ano.
Nos últimos días informóuselles por carta da celebración da xuntanza, para a que se poden inscribir presencialmente no Concello, a través dos números de teléfono 986 55 94 56 (Concello) e 986 556 769 (auditorio) ou enviando un correo electrónico ao enderezo concello@valga.gal.
O prazo de inscrición remata o día 14 de abril. No caso de que algunha persoa que cumpra tanto o requisito da idade coma o de estar empadroado non recibira a carta do Concello, pode igualmente inscribirse dentro dese mesmo prazo.
O programa de actividades dará comezo ás 13 horas coa actuación da Banda de Música Municipal de Valga -na imaxe- no propio pavillón, onde a continuación terá lugar o xantar de confraternidade. No transcurso da xornada haberá sorteo de agasallos doados por casas comerciais e entidades de Valga e da contorna e tamén se entregará un recoñecemento ao home e a muller de maior idade que participen no Encontro e aos asistentes que estean de aniversario.
Por outra banda, estanse a quentar os motores para o Festivalga que organiza o CRA e polo que e invita aos veciños a gravar os seus vídeos con cancións que foran a Eurovisión. A gala será o 12 de maio e o prazo de inscrición ábrese o 29 de abril.
La Voz de Galicia
0 comentarios