O lento camiñar da FP: Valga perde dous ciclos do metal por falta de demanda.

Publicado por Redacción en

O director do instituto pide traballar na erradicación de estereotipos entre os rapaces.

O IES Plurilingüe de Valga veu comezar o mes pasado o prazo de inscrición na Formación Profesional coñecendo a decisión da Consellería de Educación de trasladar o seu Grao Medio Dual de Mecanizado ao CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía. O mércores abriu a primeira das tres quendas de matriculación que ao longo do verán acabarán casando as preferencias dos 51.454 solicitantes de praza na FP en toda Galicia e a oferta do sistema para o vindeiro curso. E neste punto, o instituto valgués xa sabe que entre as súas aulas de primeiro haberá finalmente dúas titulacións menos das impartidas no último ano académico: o Ciclo Superior de Construcións Metálicas en réxime ordinario e o Ciclo Medio de Soldadura e Caldeiraría para adultos.

Trátase de dúas titulacións, como a de Mecanizado, dun sector do metal que sustenta unha porcentaxe principal da economía de Valga e da súa contorna, con empresas tractoras coma Extrugasa, Exlabesa ou Gama e Hijos. De aí que a supresión dos graos apuntados resoe con especial estrondo cando o director do IES Plurilingüe de Valga, Eliseu Mera, explica a razón: «A Consellería de Educación pide un mínimo de 8 alumnos para que haxa o primeiro curso de calquera ciclo e unicamente había dúas peticións validadas tanto para o de Construcións Metálicas como para o de Soldadura e Caldeiraría para adultos». Mera conta que o ano pasado, a estas alturas do verán, tampouco se chegaba á ratio esixida desde a Xunta para a primeira das titulacións, con máis de dez anos de antigüidade no programa de estudos do centro do Baixo Ulla: «Había 4, só que entón a Consellería preferiu agardar a setembro a ver se se chegaban aos 8, e conseguiuse o número xusto de alumnos».

Cun ecosistema empresarial como o valgués, que sucede para que aconteza algo así? Eliseu Mera apunta en dúas direccións. No caso do Ciclo Superior de Construcións Metálicas, di: «Haino tamén en Santiago, e para un rapaz de 18 anos, resulta máis atractivo vivir en Santiago ca en Valga». Con todo, no fondo da cuestión, o director do instituto entende que segue a ser preciso traballar na superación dun estereotipo retroalimentado durante décadas: «O alumnado debe deixar de ter medo a apostar pola FP pensando que é unha formación inferior á da universidade. Hai que continuar facendo un traballo de divulgación do alto grao de inserción laboral dos titulados en FP».

Mera recorda que, desde a estrea do CS de Construcións Metálicas no instituto de Valga, houbo outro ano no que á falta de demanda levou a eliminación do seu primeiro curso e, como entón, «confío en que o ano que vén volva haber alumnado suficiente para ofertalo outra vez». Ata entón, no 2023/24 o IES de Valga ofertará o primeiro curso dos graos básicos de Agroxardinaría e composicións florais e de Fabricación e montaxe e os graos medios en Soldadura e caldeiraría no réxime ordinario e no dual.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.