O PP de Pontecesures afirma que o goberno local «renunciou de facto» á ampliación do Club Náutico por non optar a unha subvención.

«É absolutamente incrible que pasaron do asunto, porque a orde de achegas parecía feita a medida para o Náutico», sostén Vidal Seage.
O grupo municipal do PP de Pontecesures acusa ao goberno local de «renunciar, de facto» a executar neste mandato o proxecto de ampliación e modernización do Club Náutico. Os populares indican que, durante os dous primeiros anos de mandato, «o goberno sempre tentou xustificarse en que, coa suba de prezos, non tiña garantido todo o financiamento para acometer unha actuación de envergadura». «Estes argumentos quedan totalmente desmontados despois de que o goberno descartara presentarse á orde da Consellería de Presidencia da Xunta, publicada no DOG do pasado 21 de abril, referida ao Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional, que podería dotar ao proxecto con ata 500.000 euros», engade o grupo da oposición.
«É absolutamente incrible que pasaron do asunto, porque a orde de achegas parecía feita a medida para o Náutico, tanto pola cantidade, que era a que din que se precisaba, como por incluír as infraestruturas deportivas e valorar a singularidade do proxectos, que é algo que encaixa cunha instalación practicamente única na nosa provincia», detallou Vidal Seage.
Vidal Seage denuncia que o club está en «moi mal estado» e anuncia o seu compromiso de acometer a modernización e ampliación das instalacións sempre e cando recupere a alcaldía no vindeiro mandato.
La Voz de Galicia
0 comentarios