Posta en funcionamento do novo alumeado da Rúa Calera.

O equipo de goberno do Concello de Pontecesures informa a tódolos veciños que o vindeiro venres 25 de novembro entrará en funcionamento o novo alumeado da Rúa Calera. Esta obra, que tivo un orzamento de 51.067,60 �, estivo enmarcada no PID (Plan de Inversións da Deputación de Pontevedra) e foi comezada o pasado 10 de outubro. Así pois, dende o goberno municipal queremos manifestar nosa satisfacción pola posta en marcha desta nova instalación.

 

Campaña de recollida de xoguetes.

Sen dúbida, os rapaces son os que viven con máis ilusión a tempada de Nadal. Pero non todos os rapaces teñen a sorte de poder contar con agasallos e xoguetes nestes días polo que o Concello de Pontecesures pon en marcha a campaña de recollida de xoguetes.

Baixo o lema «Alonga a vida dos teus xoguetes», ponse en marcha esta campaña para que as familias con máis recursos podan  axudar a que outras menos favorecidas, poidan proporcionarlles aos seus fillos un  xoguete nesta época tan especial para todos os cativos.

Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os seus xoguetes na Casa do Concello, a Igrexa Parroquial, O CPI Pontecesures, a Escola Infantil Municipal ou no establecemento HC Sport . Asemesmo, prégase que os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan carácter bélico nin sexista. As persoas interesadas en doar algún xoguete teñen de prazo ata o día 30 de decembro.

Finalizado o prazo de entrega, o Concello de Pontecesures e a Parroquia de San Xulián serán os encargados de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día dos Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.