Cinco concellos, entre eles Pontecesures, promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e unha obra teatral.

– Solidariedade Internacional impulsa esta iniciativa en Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro, municipios socios do Fondo Galego de Cooperación

– O proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e faise público na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, no que se reivindica “reconstruír con xustiza”

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021. A ONGD Solidariedade Internacional de Galicia apoiará a cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na promoción do comercio xusto, a compra pública ética e, en xeral, o consumo responsable. Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro son os municipios seleccionados para participar nesta iniciativa, que conta con financiamento autonómico e que se dá a coñecer na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra o primeiro sábado de maio.

O proxecto incorpora actividades para todos os públicos como a representación da peza teatral ‘Vaia Tea’, que convida a reflexionar sobre o consumo de roupa a través do humor, ou a feira ‘Comercio con Sentido’, sobre a produción e comercialización do café, o cacao e o azucre. Ademais, contémplanse accións dirixidas especificamente ao persoal político e técnico dos concellos, entre elas encontros informativos con entidades dos países do Sur e mais un acompañamento permanente para contribuír ao cumprimento do ODS 12.

Trátase dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas, co que se busca “garantir modalidades de consumo e produción sustentables”, e que chama en concreto a “promover prácticas de adquisición pública que sexan sostibles”. Ademais, este ano o Día Mundial do Comercio Xusto celébrase baixo o lema “reconstruamos con xustiza”, reivindicando que a recuperación da crise económica derivada da pandemia camiñe cara un cambio de modelo no que se prioricen os Dereitos Humanos e a protección do planeta.

O comercio xusto é un movemento social e unha alternativa comercial que permite loitar contra a pobreza e a exclusión. A transparencia, o prezo xusto ou a igualdade salarial cítanse entre os seus principios básicos, entre os que tamén se atopan a non discriminación e o rexeitamento do traballo infantil. A defensa de condicións de traballo dignas e do respecto polo medio ambiente figuran tamén entre as súas liñas transversais.

Solidariedade Internacional

Baixo a premisa de promover unha cooperación internacional progresista, de vangarda e con capacidade para provocar cambios profundos que dignifiquen a vida das persoas, desde hai máis e dúas décadas Solidariedade Internacional de Galicia ten posto en marcha uns 60 proxectos de cooperación para o desenvolvemento en 15 países da man de 36 organizacións locais. Ademais, veu traballando con máis de 7.500 estudantes e abriu tres tendas de comercio xusto nas cidades de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.  

CONCERTO DE ROI CASAL O VINDEIRO DOMINGO 16 DE MAIO

ROI CASAL ACTUARÁ EN PONTECESURES O VINDEIRO DOMINGO 16 DE MAIO AS 12.30 H. NO ESPAZO «CARA A RIA» NO PEIRAO.


Coa finalidade de garantir a maior seguridade fronte á Covid-19 para o público asistente ao concerto van tomarse as seguintes medidas:

• É obrigatorio o uso da máscara en todo momento, ademáis disporase de dispensadores de xel hidroalcólico e diversos puntos.

• Todo o público será sometido na entrada a un control de temperatura. Non se permitirá o acceso a quen presente febre por enriba dos 37,5ºC. e deberán indicar os seus datos persoais (nome e tfno móvil) para elaborar o preceptivo rexistro de asistentes a eventos públicos.

• A entrada e saída deberá facerse de xeito ordenado. Recoméndase acudir coa maior marxe de tempo que sexa posible.

• O público debe atender en todo momento ás indicacións realizadas polo personal de Vixilancia Municipal.

• O aforo do “Espazo Cara a Ría” será reducido para garantir a distancia de seguridade entre espectadores. O público deberá ocupar os asentos asignados.


Agradecer a toda a veciñanza o cumprimento estricto das medidas anteriormente expostas.