Cinco concellos, entre eles Pontecesures, promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e unha obra teatral.

Publicado por CONCELLO DE PONTECESURES en

– Solidariedade Internacional impulsa esta iniciativa en Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro, municipios socios do Fondo Galego de Cooperación

– O proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e faise público na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, no que se reivindica “reconstruír con xustiza”

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021. A ONGD Solidariedade Internacional de Galicia apoiará a cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na promoción do comercio xusto, a compra pública ética e, en xeral, o consumo responsable. Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro son os municipios seleccionados para participar nesta iniciativa, que conta con financiamento autonómico e que se dá a coñecer na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra o primeiro sábado de maio.

O proxecto incorpora actividades para todos os públicos como a representación da peza teatral ‘Vaia Tea’, que convida a reflexionar sobre o consumo de roupa a través do humor, ou a feira ‘Comercio con Sentido’, sobre a produción e comercialización do café, o cacao e o azucre. Ademais, contémplanse accións dirixidas especificamente ao persoal político e técnico dos concellos, entre elas encontros informativos con entidades dos países do Sur e mais un acompañamento permanente para contribuír ao cumprimento do ODS 12.

Trátase dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas, co que se busca “garantir modalidades de consumo e produción sustentables”, e que chama en concreto a “promover prácticas de adquisición pública que sexan sostibles”. Ademais, este ano o Día Mundial do Comercio Xusto celébrase baixo o lema “reconstruamos con xustiza”, reivindicando que a recuperación da crise económica derivada da pandemia camiñe cara un cambio de modelo no que se prioricen os Dereitos Humanos e a protección do planeta.

O comercio xusto é un movemento social e unha alternativa comercial que permite loitar contra a pobreza e a exclusión. A transparencia, o prezo xusto ou a igualdade salarial cítanse entre os seus principios básicos, entre os que tamén se atopan a non discriminación e o rexeitamento do traballo infantil. A defensa de condicións de traballo dignas e do respecto polo medio ambiente figuran tamén entre as súas liñas transversais.

Solidariedade Internacional

Baixo a premisa de promover unha cooperación internacional progresista, de vangarda e con capacidade para provocar cambios profundos que dignifiquen a vida das persoas, desde hai máis e dúas décadas Solidariedade Internacional de Galicia ten posto en marcha uns 60 proxectos de cooperación para o desenvolvemento en 15 países da man de 36 organizacións locais. Ademais, veu traballando con máis de 7.500 estudantes e abriu tres tendas de comercio xusto nas cidades de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.  


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.