Falece José Burés, coñecido como O Rato, un dos veciños máis queridos de Valga.

José Burés era un home pequeno e alegre. O Rato, tal era a súa chata, amaba as festas, o baile, a música e os bos cocidos. O pasado xoves marchou. Imaxinámolo percorrendo, con ese sorriso seu cargado de picardía, o camiño que o vai levar á eternidade. Porque, como lle dixo hai uns cantos anos unha veciña, case tan vella coma el, Burés é unha desas persoas que non vai morrer nunca: quedará para sempre no recordo dos seus veciños; na casa labrega do Concello, onde se gardan as máis de cen pezas etnográficas que Burés foi recolleitando durante a súa longa vida de home de terra. De labrego orgulloso das súas raíces, do seu traballo, das súas mans manchadas.

Tiven ocasión de visitalo na súa casa cando aínda tiña alí todos eses tesouros canda el. Era unha colección fenomenal de pezas insólitas. Da parede colgaba o cabeceiro da cama na que durmía cando era novo. Nunha esquina estaba o vello aparato de radio no que el e a súa familia escoitaban os partes. E por todos os lados, ferramentas para traballar os campos e coidar dos animais. Ofrecíalle ás visitas unha caixa de bombóns e unha chea de historias que amenizaba con algunha canción e que sempre remataba cun riso.

José nunca se casou. Pero tivo un gran amor na súa vida. Chamábase Dolores, e foi a súa noiva dende que el regresou da guerra ata que ela faleceu con setenta anos. Contan que dunha volta, nun baile, o home da orquestra empezou a cantar: «José, Dolores, ¿y de tu boda qué?». E os músicos seica lle contestaban: «¡Demi boda ná!??». Confesaba Burés, xa con 95 anos ao lombo, que igual non acertara ao quedar solteiro. Chegados a este punto, abría José a súa carteira e amosaba a foto de Dolores. Unha muller fermosa, de rostro sereno. O amor de toda unha vida.

A marcha de José Burés vai deixar a Valga orfa dun dos seus veciños máis queridos. Durante anos foi a alegría do centro de día, onde pasaba as mañás repartindo sorrisos e bromas. A morte violenta do seu irmán deixou unha pegada de pena no seu rostro, pero el esforzábase sempre por amosar a súa mellor cara. A dun home que estaba a piques de cumprir cen anos. Tocáballe no mes de decembro, e no Concello xa lle estaban a argallar unha boa festa. Non se celebrará. José marchou para sempre, quen sabe se para casar co seu gran amor.

La Voz de Galicia

Adxudicación da obra MELLORA DA IMAXE EXTERIOR E DOS ACCESOS DA PRAZA DE ABASTOS

O 23 de outubro de 2017 adxudicouse a obra:

MELLORA DA IMAXE EXTERIOR E DOS ACCESOS DA PRAZA DE ABASTOS

Enlazando coas actuacións precedentes (Mellora da imaxe interior), cómpre exteriorizar esa nova imaxe á envolvente exterior do mercado, transmitindo á veciñanza e ao visitantes (peregrinos, turistas, compradores doutros municipios, …) esa imaxe de modernidade e de espazo dinámico e multifuncional, imaxe que invite a visitar a zona, a entrar no edificio, a probar e mercar os produtos, … en definitiva, a empregar o propio mercado e o seu entorno como un espazo de vida común e de relación social, sen perder a perspectiva do seu fin último, o comercial.

Dentro desta liña, resulta fundamental mellorar a imaxe da fachada norte, que é a que serve de telón de fondo dun gran espazo aberto que serve tanto como aparcamento (a diario) como de zona de celebracións populares (como a Festa da Lamprea) e que, se ben actualmente é pouco máis que unha explanada parcialmente pavimentada, está chamado a ser o espazo público (zona verde ou praza) central do concello, tanto pola superficie como pola súa situación, en contacto directo co núcleo urbano e co río Ulla e a súa zona portuaria. Esta fachada é a imaxe máis clara que todo aquel que aparca na explanada ou que transita polo vial do porto (pola marxe do río) recibe do mercado. De aí a importancia de que toda esta xente, que as veces non chega nin a decatarse de que está aparcando ou pasando xunto a un mercado, reciba unha imaxe moito máis nítida dos usos e posibilidades do edificio do mercado.

Para todo isto, prevese realizar as seguintes actuacións:

– Renovación das carpinterías exteriores, cunha nova imaxe homoxénea e moderna para todas elas.

– Eliminación da maior parte do cableado e instalacións (acometida eléctrica, cables de telefonía, mangueiras de auga sen uso, …) ancladas ás fachadas.

– Mellora da sinalización e iluminación exterior: colocación de rotulación exterior nas fachadas norte e este, coa mesma tipografía e tipo de letra (metálica) empregada para homoxeneizar a rotulación dos postos interiores.

– Mellora da imaxe estética da fachada norte: repintado da zona enfoscada, co grafiado dunhas siluetas (que transmitan as moitas actividades e que poden estar pasando no interior e no exterior do edificio), instalación de 3 novas luminarias, e instalación do logotipo do mercado.

– Construción dunha plataforma (beirarrúa) pavimentada en pedra xunto a fachada norte do mercado, que permita unir as dúas praciñas existentes nos extremos este e oeste (ambas co mesmo tipo de pedra) ao tempo que retire todas posibilidade de aparcar coches e furgonetas pegados á propia fachada.

– Mellora da accesibilidade do mercado, coa apertura dunha nova porta na fachada norte, que serva para diferenciar o acceso de mercadorías do de clientes.

– Instalacións duns toldos ou parasoles que melloren a utilización e o acceso pola porta oeste (cara o río).

– Cambios dos caneiros e baixantes nas fachadas norte e este, por uns novos de cinc.

Ademais, interiormente prevese a rotulación da florería e a mellora da instalación eléctrica mediante a individualización dos elementos de medida dos postos, coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética do edificio completo.

A obra foi adxudicada por un importe de 54.875,36? dos que a Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da subención Mercados de Excelencia 2017 aporta 16.445,53? e o Concello de Pontecesures a través de fondos propios 38.429,83?

Festas de Pontecesures: en 2018 o Domingo do Carme será o segundo domingo de xullo, o día 8.

No pleno ordinario de Pontecesures que tivo lugar o pasado luns, fixouse como festa local o día 9 de xullo (Luns do Carme). O alcalde manifestou que os organizadores das festas pediron que as mesmas se trasladasen ao segundo fin de semana de xullo porque o primeiro coincidía con outras festas na comarca, aceptándose a proposta.

O asunto foi introducido por urxencia no pleno polo goberno local, algo que foi moi criticado pola oposición. Cecilia Tarela manifestou que un asunto desa trascendencia non pode ser traído ao pleno por sorpresa sen consultar con ninguén e incluso Jorge Janeiro preguntou se fora estudada a posibilidade de que as festas do Carmen voltaran ao mes de setembro como se facían hai anos.

Cos seis votos favorables do goberno foi aprobado que o día 9 de xullo de 2018 fora festa local, mentres os cinco membros da oposición votaron en contra (tanto da urxencia como da proposta en si).

Foi decidido tamén que o outro festivo local sexa o 8 de xaneiro de 2018, luns, xa que o día 7 de xaneiro (festividade de San Xulián, patrón de Pontecesures) é domingo.