André Oliveira segue a progresar como canoísta.
Os palistas de Arousa e do Baixo Ulla voltan copar case ao cen por cen o equipo nacional de traballo de canoa Sub 23.
A Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) dedicíu apostar pola continuidade do grupo nacional de canoa Sub 23 asentado en Pontevedra, que durante o pasado curso traballara baixo as ordes do técnico ribadumiense José Manuel Vázquez. E novamente é o piragüismo de Arousa e do Baixo Ulla quen copa a maioría das prazas da sección pontevedresa da RFEP.
Con José Manuel Vázquez centrado esta tempada no seu labor de director técnico do Náutico O Muíño, o grupo de canoa Sub 23 vén de voltar ao traballo dirixido polo cangués Manuel Fernández Valladares. O que fora durante seis anos máximo responsable da preparación do Breogán do Grove na súa época dourada a nivel de competicións estatais retorna a Galicia logo de tres frutíferas campañas á fronte do grupo de traballo de kaiak júnior masculino da RFEP. Unha selección de promesas coas que España obtivo nese intervalo 16 podios entre Europeos e Mundiais.
Na tempada 2010 eran sete os integrantes do equipo de traballo de canoa Sub 23, formado por David Maquieira (Náutico O Muíño), Jacobo Domínguez, Ángel Cristian Ribadomar e Damián Ramos (Breogán) Diego Romero (As Torres-Romaría Vikinga), Tono Campos (PiraguaMadrid) e André Oliveira (Náutico Firrete). Todos eles deportistas da zona, agás o caso de Damián Ramos, coruñés.
Este último e o grovense Tono Campos abandonan este curso a sección Sub 23 da RFEP, na que repiten os cinco restantes acompañados por catro novos palistas. Diego Miguéns e Antonio Lobato (As Torres), Adrián González (Kayak Tudense) e Juan Ramón Bayón (Piragüismo A Illa) -Bayón xa estivo na órbita do grupo nacional de canoa Sub 23, pero unha lesión o mantivo parado unha parte importante da pasada campaña-.
Fernández Valladares explicou onte que o seu obxectivo principal é «conseguir que estes piragüistas poñan traballo e vontade para mellorar o feito ata agora», que non é pouco, vista a condición de internacionais absolutos dos sete palistas que integraban o grupo no 2010, con André Oliveira como máximo expoñente ao arrebatarlle por dúas veces a praza española a David Cal no C-1 200 do Europeo e do Mundial.
Coa vista en Río 2016
O técnico cangués traballará de cara o Europeo Sub 23 do vindeiro ano, «sen descartar que algún dos rapaces vaia ao Mundial Absoluto», no que se decidirán os primeiros pasaportes para os Xogos Olímpicos de Londres 2012. En todo caso, Valladares considera que o seu «é entre comiñas un proxecto con vistas a formar olímpicos para Río 2016». Haberá que ver se André Oliveira consegue antes sorprender cun novo salto de calidade.
LA VOZ DE GALICIA, 13/10/10
0 comentarios