«Non sei por que o alcalde lle ten medo á palabra política».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Carmen Coto candidata do PSOE en Valga.

A aspirante socialista asegura que Bello só pensa xa en «manter o seu trono»

Carmen Coto non se anda con chiquitas á hora de valorar o prolongado labor de Bello.
-Valga é, de partida, unha praza moi complicada para o PSOE.
-Ben, nós temos un equipo moi renovado, especialmente nos primeiros postos. con xente que encabezou plataformas veciñais, no problema da estrada, no problema do polígono, para defender os intereses dos veciños porque o alcalde non o fixo. No caso da estrada de Campaña levaba tres meses co proxecto no caixón e mentíalles aos veciños, dicíalles que non sabía nada, que non tiña o proxecto. Nós negociamos coa delegada, entón Isabel Domínguez, e conseguimos reducir as afeccións, e sobre todo un prezo xusto por metro cadrado. Iso é o que os socialistas fixemos e faremos, defender aos veciños de Valga.
-O alcalde acúsalles a vostedes de facer política.
-Ten graza, ¿e el que é o que fai? Non sei por que lle ten tanto medo á palabra política, pero si sei que Maneiro leva demasiado tempo no poder, perdeu a perspectiva das necesidades de Valga e só pensa nos seus intereses e en manter o seu trono. Non hai máis que ver o xeito no que emprega a radio municipal, ao máis puro estilo de Venezuela. Ten un afán excesivo por controlalo todo, anulando ao resto do persoal do Concello, empezando polos seus propios concelleiros, que sempre son convidados de pedra.
-¿Que sucede coa radio?
-El fala na radio e todo isto semella unha panacea. Maneiro faino todo ben, e a oposición penosamente mal. Pero sucede que nós e o BNG pedimos só media hora para a oposición e se nos nega completamente porque di que queremos facer política. ? unha tomadura de pelo. Se houbese unha democracia real neste concello, a Maneiro non lle debería importar.
-Pero as contas, asegura Bello, indican un Concello saneado.
-El é moito de construír obras no aire, algúns veciños falan de movemento de ladrillo. Esa é unha frase moi significativa. No 2010 aprobou un préstamo de 300.000 euros co informe en contra da interventora. Meses despois pediu outros 400.000 euros, solicitamos tamén o informe da interventora, e ese, sinxelamente, xa non o fixo. ¿Como é posible que diga que é un Concello saneado cando só os préstamos da Deputación andan no millón de euros?
-¿Que pasa co polígono? ¿Non o ven necesario?
-Nós estamos totalmente a favor de que haxa un polígono e de que se ordene a industria dunha vez. Pero as grandes empresas non se van mover, e para as novas temos que buscar un sitio menos prexudicial tanto a nivel económico como paisaxístico, porque no espazo escollido hai xente á que mesmo lle levan a horta por diante, o val de Magariños vai quedar esnaquizado, e os veciños van sufrir nas súas vidas e nas súas propiedades. En Valga hai zona de monte, apartada, que se podería negociar. Iso é o que hai que facer.

-O alcalde di que as obras do Concello crearon emprego.
-Son de dominio público algunhas cuestións pouco explicables. Obras que paga a Xunta, que licita Maneiro e fai sempre a mesma empresa, mesmo fronte a prestixiosas construtoras.

Carmen Coto Lois
10 de setembro de 1962, en Cimadevila
Licenciada en Dereito e Graduado Social. Funcionaria do corpo técnico de Xestión da Administración de Xustiza.
Separada, ten un fillo de 15 anos
Voceira municipal do PSOE. Lidera a candidatura dos socialistas en Valga por segunda vez consecutiva.

LA VOZ DE GALICIA, 27/04/11


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.