As xentes do mar de Arousa non esquecen a Rosalía.

Publicado por Redacción en

dornas

Saída das dornas da praia de Vilarello no día de onte.

A escritora Rosalía de Castro inda pervive en moitos corazóns, entre eles os das persoas do mar. Onte esas persoas quixeron demostralo remontando o río Ulla en dornas a vela, a embarcación máis utilizada polos mariñeiros na época na que ela viviu. Un total de dezaseis dornas da Illa, Cambados e O Grove saíron a ritmo da música que tocaba a banda de Valga da pequena praia fluvial que existe en Vilarello, no Concello de Valga, coa proa apuntando cara Padrón para homenaxear á escritora. Vento e río tamén quixeron colaborar nesa travesía, ofrecendo unha navegación espectacular pola zona máis navegable e permitíndolle aos mariñeiros realizar un par de bulinas que, con outro tipo de situación, serían impensables no Ulla.

O último tramo da travesía, que levaba o nome de «Que inchadiña branca vela» fíxose coa forza dos remos. A bogar foi como pasaron as catro últimas pontes que se atopan antes de chegar á beira de onde se celebraba a homenaxe que impulsa a Fundación que leva o nome da poetisa, catro pontes que se atopaban ateigadas de público para ver a travesía.

Cos acordes do himno do antigo reino de Galicia, os mariñeiros desembarcaron para levar ata o monumento a Rosalía a dorna que leva o nome da escritora. Cos remos levantados cantouse o himno, un dos momentos máis emotivos da celebración e que culminou cunha morea de aplausos por parte do numeroso público que asistíu ao acto diante da estatua de Rosalía situada no Espolón de Padrón.

O director da Escola de Navegación Tradicional, Salvador Allo, recoñecía que «foi un acto moi emotivo no que levamos dous anos participando e que esperamos que teña continuidade no tempo durante moitos máis».

A actividade celebrouse por vez primeira o ano pasado. Foi unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar á autora que, en «Cantares Gallegos», falaba das dornas que remontaban o río Ulla no seu tempo.

Faro de Vigo

 


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.