Na memoria de Ana Viqueira e Borobó.

Publicado por Redacción en

mares

O destino é paradoxal, sorprendente; incluso duro, incerto, inexplicable. Para o venres pasado reservoume unha xornada de dor e pena polo pasamento de Ana Viqueira Amor á que despedimos na Coruña nun entrañable e emocionante acto no que Xosé Hermida, seu marido, meu amigo da alma, dirixiu unhas palabras que compendiaron a muller combativa, profesional, compañeira, divertida, prezada e querida por moitos, moitísimos, que foi. Verbas que provocaron bágoas e risas. Tamén críticas coa profesión e co poder. Profundas, que convidaban á reflexión e á lembranza dunha xornalista de raza, amiga de manterse nun segundo plano, pero que tivo a virtude de chegar ao infinito a través das noticias que a axencia Efe facía chegar a todos os medios e que, nós, os informadores, sabiamos da súa autoría polas siglas AV que avalaban o seu traballo, sempre rigoroso, que aparecían ao final das súas pezas periodísticas.
Ana Viqueira foi xenerosa cos compañeiros, disposta a botarnos unha man, a ensinarnos a camiñar cando, este que asina, por exemplo, daba os primeiros pasos no mundo da información hai trinta anos. Amaba esta comarca, amaba Boiro, a praia de Barraña, tanto que, por lembrar un feito recente, cando o equipo de fútbol acadou o ascenso a Segunda B o 29 de maio colgou na súa páxina de Facebook: «¡Con gallardía y nobleza!», frase do antigo himno que probablemente moitos seareiros actuais descoñecen. Para os que aprendemos dela, os que a queremos, vai seguir estando aí, nese discreto segundo plano, aínda que non vexamos a súa AV nas noticias da axencia. Ese destino, caprichoso e inxusto, impediume estar no acto para conmemorar o centenario do nacemento de Raimundo García Domínguez, Borobó, que se celebraba en Boiro case á mesma hora que a despedida de Ana Viqueira na Coruña. Certamente, a efeméride exacta foi o domingo 10 de xullo, e con tal motivo, publicouse nestas páxinas unha colaboración de Xoán Guitián que percorría a figura do poliédrico autor dos Anacos. Coa distancia que marcan os corenta anos que separaban a Borobó e a Viqueira, tiveron en común, por exemplo, que desenvolveron parte da súa profesión na redacción do Preguntoiro compostelán, con La Noche e El Correo Gallego, respectivamente; foron combativos e inquedos, mestres xenerosos para todos os que quixemos aprender deles; figuras necesarias en tempos duros; amigos de Boiro.

Moncho Ares
La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.