Rexorde a voz poética de Anxo Angueira

Publicado por Redacción en

Anxo Angueira presentou o novo poemario este mércores en Santiago.

Anxo Angueira presentou o novo poemario este mércores en Santiago.

O escritor publica despois de 15 anos un novo poemario, «Palmeiras, piueiros»

Quince anos despois de render homenaxe a Vigo en Fóra do sagrado, o escritor, profesor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961), volve publicar un poemario, Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora). Un retorno aos versos cun claro detonante: a morte hai dous anos da palmeira do Señorito, denominación que recibía a árbore situada na casa dun fillo de emigrantes a América no século XIX na súa aldea natal. «Iso foi o que desatou todo o libro, o que me fixo remexer todo», subliña o autor, que este mércores presentou na libraría Couceiro de Santiago a publicación acompañado pola poeta Chus Pato e polo músico Sechu.

O poemario móvese nunha dicotomía. «Xira en torno da morte, a perda e a extinción e, ao mesmo tempo, o rexurdimento, a recuperación. Este último tema é algo moi próximo para min vitalmente, no só na esfera persoal, senón tamén na intelectual, porque levo traballado ultimamente moito sobre o tema do rexurdimento na cultura galega contemporánea», explica o autor. Un diálogo que chega xa no seu propio título: «A palmeira, a terra; o piueiro, o mar; a palmeira, a morte; o piueiro, a resurrección», explica Angueira, lembrando que a palabra piueiro —que non está no dicionario e alude á pedra coa que se fondeaba a rede— foi recuperada polos mariñeiros da Guarda para nomear unha embarcación.

As palmeiras e os piueiros toman múltiples significados nos versos, como esa relación entre o exótico e o enxebre. Ademais, a planta serve a Angueira para mergullarse en paisaxes bíblicas, en mundos exóticos e as súas literaturas. Inclúense, ademais, moitas homenaxes á náutica. E todo iso faino o escritor partindo de Manselle: «A miña aldea é de onde parte todo o que eu fago».

No poemario, Angueira dialoga literariamente con outros escritores. «A idea de rexurdimento lévame a dialogar con outros autores do que nós chamamos o rexurdimento: Sarmiento, Rosalía, Pondal, Curros…», detalla. Tamén aparece Manuel Antonio, Paul Éluard, escritores portugueses… «Eu concibo a literatura como ese diálogo», incide o escritor, que nesta nova publicación inclúe unha parte con versos que foron lidos en diferentes actos ao longo dos últimos tempos.

E, despois deste lapso de quince anos, cambiou moito a voz poética de Anxo Angueira? «É a mesma voz, pero modulada de forma distinta. É outra visión global, outra concepción da poesía», responde o autor, quen engade que o seu proceso de escrita necesita un tempo de maduración. Lembra tamén como entre outros dos seus poemarios houbo ata dez anos de diferenza.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.