Valga presumirá de instalacións educativas nunha xornada aberta.

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga organiza unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas que o conforman: Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza, centros nos que se imparte o segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).

A xornada, a través da que se divulgará o proceso de matrícula e o proxecto educativo do centro, terá lugar o venres, 26 de febreiro, a partir das 15.30 horas. As visitas serán individuais e cumprindo todas as medidas anti-COVID e estarán dirixidas polas titoras das seis escolas, segundo a información facilitada polo Concello.

Nesta actividade poden participar familias, tanto de Valga coma doutras localidades, interesadas en matricular aos seus fillos ou, simplemente, en coñecer o funcionamento do CRA e das seis escolas que o integran, que contan neste curso cun total de 59 alumnos matriculados, o que supón unha media de 10 por aula.

ALUMNADO O prazo para presentar as solicitudes de admisión nas escolas do CRA valgués para o vindeiro curso 2020-21 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo, para nenos nados no ano 2018, que comezan o segundo ciclo de Infantil, aínda que tamén poden incorporarse rapaces nacidos en 2017 e 2016 que queiran cambiar de centro.

“O número de alumnos mínimo para manter as seis escolas está garantido para o próximo curso”, confirma o director do CRA, Adrián Baloira. “As familias cada vez buscan máis este tipo de centros máis próximos, con ensinanza máis individualizada e cunha ratio pequena de alumnos que permite impartir unha educación de calidade”.

O Centro Rural Agrupado de Valga conta actualmente con alumnado de Valga, pero tamén doutras vilas da contorna como Pontecesures, Catoira, Cuntis ou Padrón. “De cara ao vindeiro curso tamén recibimos o interese de familias de Teo, Rois e Caldas de Reis, que veñen expresamente polo tipo de educación que se imparte nas nosas escolas”, indica o director.

Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar nun entorno natural próximo que facilita a adaptación dos cativos.

PROFESORADO O equipo docente do CRA está formado por seis mestras titoras, é dicir unha por aula; por mestres de apoio á E.I (traballo que fan na aula xunto coa titora); por unha mestra especialista en Inglés (que imparte dúas horas semanais en cada aula); un mestre especialista en Música (2 horas semanais en cada aula); mestre especialista en Física (2 horas ás semana en cada aula); unha mestra de Relixión Católica; un orientador; e dúas coidadoras para o alumnado con necesidades educativas especiais.

Tamén integran a plantilla docente un auxiliar de Conversa nativa en lingua inglesa que acompaña na docencia á mestra especialista de inglés; unha mestra especialista en Audición e linguaxe para a atención do alumnado con necesidades especiais, que ademais realiza unha sesión semanal en cada aula para un programa da estimulación da linguaxe de todo o alumnado; e unha mestra especialista en Pedagoxía terapéutica que atende ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que o require.

El Correo Gallego