«Que ninguén se equivoque, eu vou pola maioría absoluta»

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Entrevista | María Isabel Castro Barreiro

Castro non anda con andrómenas. Quere a alcaldía para «mellorar Pontecesures»

Foi concelleira independente no 95. No 1999 saíu escollida polo PP. Dende o 2003 volveu á independencia e un ano máis tarde entrou no goberno local. «Se desta volta non é o que ten que ser – anuncia – déixoo, serían xa 16 anos en política e, como adoita dicirse, pasóuseme o tempo».

-Entón, ¿que é iso que ten que ser?

-Que fose alcaldesa, quitar a maioría absoluta.

-¿Coida que é posible?

-Sempre o vexo posible, senón non me presentaría. Serán as urnas as que decidan o día 27. Pero é que se eu mesma non me vexo gañadora… xa me dirás. Ti cando compras un décimo de lotería, digo eu que será para gañar.

-Eh… si, claro.

-Normal, todo o mundo o fai. Pois isto é o mesmo.

-Correcto. Agora unha con retranca. ¿Non será vostede zurda?

-Non, son de centro, traballo coas dúas mans. Eu tamén respondo con retranca. Todo o mundo clasifícame nas dereitas porque estiven co PP, pero iso non me importa. Ao pobo non lle interesa se un é de esquerdas ou de dereitas, senón que traballen por el. Na nosa lista temos xente do PP, do PSOE, do BNG e xente que non se define.

-Dicíao porque está apoiando ao BNG.

-¿Por que teño que eu estar apoiando ao BNG e non o BNG a min?

-Polos números, porque teñen máis concelleiros.

-Ah, pero os números non sempre saen. Son independente e o futuro está por ver. Que ninguén se equivoque, eu vou pola maioría absoluta. Non estamos integrados no BNG, somos un partido diferente e que ninguén crea que se van mesturar as cousas.

-Pero o goberno vai.

-Funcionamos como un equipo, aínda que somos opostos totalmente. A min gústanme máis os pequenos detalles, mirar por que os cidadáns teñan as súas necesidades cubertas. El, o señor alcalde, mira máis cara as grandes cousas. Pero vese que funciona. Aínda quitándome a media dedicación, traballei sen ver un peso e fixen o meu labor. Seica a alguén na oposición lle molestaba isto.

-¿Foi unha vinganza?

-Si, claro. Ese que ti ben sabes tivo ciumes políticos ao ver que estaba a realizar un traballo ben feito.

-A todo isto, ¿contaron con vostede para o intento aquel de moción de censura contra o alcalde?

-Comigo falou alguén para dicir que lles gustaría ser sete. ¿Que pasou? Que a moción non foi arriba porque todos eles querían a alcaldía. Eu non ía ser menos, claro. Pero non foron os únicos en chamar.

-¿Quen máis, logo?

-O Partido Galeguista e Terra Galega.

-¿Díxolles que non?

-Non me parecía xusto andar cambiando dun lado para outro. Ao ser independente non estou suxeita ao que diga este ou aquel partido. A miña non é unha campaña global, senón dedicación integra para mirar polo meu pobo. Aquí quen fala son os meus compañeiros, ninguén impón nada dende arriba. Non temos padriños.

-Para rematar as complicacións, recibiu vostede unha serie de ameazas.

-Dou por sentado que sería por política. A alguén molestoulle o que eu estaba a facer, alguén que debía estar afeito a outras cousas. Para nada son covarde. Se tiven medo foi polos meus.

POR FACER

O centro de día, o centro sociocultural, a atencíón ao cidadán, un punto limpo, a revisión do PXOM, un tanatorio, un local social en cada aldea, onde a xente se poida reunir e dende o que o Concello poida dar servizos, ampliacións como a pista da Toxa, porque nesa aldea non pode pasar nin o butano. Rematar o que comezamos e temos solicitado.

ERROS PROPIOS

Cada un mira as cousas dende o seu punto de vista. Todo o que fixemos foi consensuado, aínda pensando distinto o alcalde e máis eu, sempre polo ben do pobo. Selar o paro en Cesures, a escola de música, a educación vial no colexio, a emisión de permisos de queima, foron propostas nosas. O que máis me preocupa son os barrios.

LA VOZ DE GALICIA, 25/04/07


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.