Víctor Santos: «A xente trátame con moitísimo cariño e felicítame polo éxito acadado».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Victor Manuel Santos Fandiño, un veciño de Valga que o vindeiro mes cumprirá 26 anos, representaba á nosa provincia no pasado certame de beleza masculina nacional e no que conseguiu facerse cun máis que meritorio 2º posto por detrás do representante de Madrid, por un único punto.

Víctor recibiu o titulo do máis guapo da provincia logo de tres intentos consecutivos nos que foi subindo cada ano un posto ata chegar ao recente título de Míster Pontevedra 2007, chegando incluso a intentalo o ano anterior na Coruña, onde quedou en 2ª posición a un punto de facerse coa bandeira de gañador, que levou Hugo Gómez (que se clasificou en 2ª posición no certame nacional), e tamén en Ourense, onde quedou tamén nun máis ca meritorio terceiro posto.

Aínda sorprendido pola trascendencia do seu éxito, Víctor Valga, como era presentado na gala posto que «era un xeito de sentirme orgulloso de ser valgués», intenta volver á súa vida normal dentro do posible intentando compaxinar da mellor maneira o seu traballo nunha empresa de Moaña cos desfiles e sesións e fotos que, logo da nova situación, tiveron un notable aumento.

¿Como se leva a fama acadada a raíz do seu 2º posto no certame?

De momento iso da fama lévoo ben aínda que estou un pouco no aire porque todo é moi recente. Tampouco estou acostumado a asinar autógrafos pola rúa nin que a xente me recoñeza pero polo de agora é unha situación bonita xa que a xente che demostra o seu cariño e te felicita polo éxito logrado. De tódolos xeitos, creo que non é para tanto.

E, ¿como viviu a experiencia do concurso?.

Foron 15 días moi intensos, traballando moito, realizando os ensaios, tanto para o baile como para os desfiles, pero intentando vivila ao máximo.

Entón, ¿que foi o que máis e o que menos lle gustou neses 15 días de convivencia?.

O que máis me encantou foi o traballo que realizamos con tódolos profesionais e con toda a xente tan preparada que tiñamos para nós, como foi o caso de Luca Tony, coñecida por se-la coreógrafa de programas televisivos tan coñecidos como «Upa Dance» ou «Factor X». O que menos me gustou foi a vixilancia á que estabamos sometidos xa que non podiamos sair do hotel ao noso aire nin a ningún lugar sen a autorización pertinente; aínda que eramos conscentes de que o facían polo noso ben xa que era velar pola nosa seguridade e integridade xa que desde a organización querían que todo estivera perfecto o día da gala e non tiveramos ningún percance, especialmente físico.

¿Significa iso que só adicaban os seus 15 días de estadía en Oropesa del Mar a estar dentro do hotel ensaiando a gala?

Non, para nada. Á marxe dos ensaios necesarios para que a gala saira perfecta, tamén tivemos un tempo para darnos un baño no Mar Mediterráneo (que para min foi a primeira experiencia nesas augas), visitar un parque de atraccións, e tamén estivemos disfrutando das instalacións do hotel no que estabamos aloxados e bañándonos na piscina e asistindo ao balneario.

¿Que ambiente se respiraba entre os compañeiros?.

En xeral tivemos un ambiente moi bo, non se respiraba competitividade nin tampouco mal rollo, aínda que sempre hai algún que non é tan simpático, pero iso é normal xa que somos todos distintos. De tódolos xeitos, tamén tiven tempo para facer amigos.

Logo de acadar o título de 1º finalista, ¿recibiu mís ofertas laborais ca de costume?. ¿Como está a súa situación neste momento?

O certo é que o traballo aumentou. Neste momento vou seguir traballando na empresa de Moaña ata o mes de maio, aínda que cabe a posibilidade de que o teña que deixar antes se as ofertas aumentan moito. Nestes intres teño sobre a mesa varias propostas, como algúns cástings para traballar en programas da TVG como azafato ou tamén dous papeis en sendas series da productora televisiva CTV, á marxe da participación esta semana na pasarala galega «Pontus Veteris», que xa tiña asinada antes do certame, e tamén a nova edición do catálogo de «The End», con quen xa traballei noutras ocasións.

¿Que foi o que máis lle chamou a atención en todos estes días logo do certame?

O despegue de medios e toda a atención que acaparamos ao día seguinte do certame e tamén xa esa mesma noite. Aínda que estamos acostumados aos flashes por mor do noso traballo, nunca pensei que chegara a haber máis de 10 fotógrafos e xornalistas centrados en min, e tamén nos meus compañeiros, por suposto, pero para min isto foi o máis destacado.

Co título «Primeiro Finalista», ¿ten opcións a participar nalgún concurso internacional de beleza coa delegación española?

Non, posto que certames internacionais de beleza masculina só ten lugar o de Míster Mundo, que se celebra unicamente cada dous anos, e que ten como gañador ao español Juan García Postigo.

¿Como se sinte, tanto vostede como a súa familia, nestes momentos tan doces?

Evidentemente, felices xa que vemos como pasiño a pasiño estou a conseguir as pequenas metas que me vou marcando a cada momento. Agora mesmo estamos a disfrutar todos do éxito e sobre todo das oportunidades laboraris que estes títulos me brindan.

Por último, ¿atopouse con algunha situación curiosa ao longo destes días?.

O certo é que si. O domingo á tarde estabamos xuntos o gañador máis eu na entrada do hotel e viñeron unhas rapazas pedirme un autógrafo e, o máis curioso da situación é que dician que eu era o gañador e que a foto a querían quitar conmigo, ata que lle comentamos que o premiado era e non eu. Quitaron a fotografía con el e marcharon, non sei se contentas ou non.

Entrevista de Lidia M. Gallas Otero
DIARIO DE AROUSA. Especial «Arousa un mar de cultura». 09/03/08


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.