«Facía poesía nos anos 40 como escape daquela triste realidade».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

AVELINO POUSA ANTELO, presidente da Fundación Castelao e defensor a ultranza da lingua galega.

No 2004 a Asociación de Escritores en Lingua Galega designou a Avelino Pousa Antelo como o primeiro escritor galego do ano, e roi recoñecido entre os bos e xenerosos. Agora é declarado autor do mes. Así se salienta a súa traxectoria, o seu posicionamento ético e o ser considerado «mestre dos máis novos». Ten unha ampla producción, de ensaio (o último libro, na colección Clásicos do Cooperativismo, editada pola Xunta, saíu hai pouco e recolle en fac´símile un dos seus principais traballos, que publicou Galaxia en 1971), xornalística e, aínda que menos menos coñecida, tamén literaria con títulos de poesía, narrativa e teatro. Con 96 anos, conta cunha vitalidade e unha intensidade nas súas lembranzas que converten nun agradecido pracer o diálogo na casa de Teo onde reside, con dúas fillas, un xenro e dous netos. Falamos no seu escritorio, presidido polas figuras de Castelao, Vallé Inclán e Pondal.

-Escribe desde antes da guerra, é dos veteranos….
-O 17 de agosto estabamos citados os catro máis veteranos en Pontevedra para unha homenaxe, o 5º premio Galicia Mártir, e fomos Isaac Díaz Pardo, e máis eu. Xaime Isla Couto e Paco del Riego non puideron estar.

-Tamén participou noutros actividades públicas.
-Si, aos poucos días fun a Palas de Rei, ao acto de lembranza do pai de Isaac Díaz Pardo, e tamén na homenaxe a Ángel Casal, aquí en Teo. E aí recibín o convite dunha antiga compañeira de Tal, en Muros, ao comprobar que ando ben. Vou sempre que podo a actividades que sexan por Galicia; e estou disposto a cantar as 40 se fai falta ao luceiro del alba, como hai pouco ao presidente da Xunta pola súa actitude que vexo de renuncia para co noso idioma.

-¿Como definiría a importancia do idioma?
-O idioma é nosa caste, que é algo sagrado para un galego, ao que non se debe renunciar nunca. E aos que o fan se lles poden aplicar aqueles adxectivos do noso himno de «féridos e duros, imbéciles e escuros».

-Como escritor ten unha producción ampla, ¿que destacaría?.
-Houbo unha ampla etapa en que era quizá quen máis publicaba en galego, nos anos 1960, 62 e 63, cando facía a seción xornalística Fiestra, que era o comentario a unha biografía. Na altura percorría moito o país e encontrei cousas tan curiosas como a que relatei no artigo O postre reverdecido: saíndo de Negreira vin un poste da luz eléctrica que se tiña convertido en árbore.

-? tamén autor de poesía, xa antes da guerra…..
-E tamén despois, facía poesía nos anos 40 como escape daquela triste realidade (A súa filla ensina produción inédita daqueles anos). E había que tratar de non complicar a vida. Era un tempo tristísimo.

¿Escribe algo novo, ten proxectos inmediatos?
-Agora só escribo cando me encomendan algo. O día 8 estarei en Outeiro de Rei, na homenaxe a Manuel María. E ando a prparar unha doazón de libros para o Centro Rural Agrupado de Teo onde neste ano lle deron o meu nome á biblioteca.

-Dedicou moito esforzo ao cooperativismo, ¿resultou ben ese modelo no noso país?
Resultou no caso de Coren, en Ourense. Outras como Leyma ou Feiraco non prosperaron como sería de desexar. Sempre defendín que entre as cooperativas fixesen un proxecto forte en común, que aínda hoxe non existe. Penso que foi unha ocasión para o noso país, que se deixou pasar, como outras.

-Está nas fundacións Pedrón e Ouro, Fernández Flórez, Alexandre Bóveda, e sobre todo na Castelao, que preside hai anos….
-Presido, e non por vontade, pois hai tempo que pedín o relevo e Alfonso Paz Andrade di que non me queren substituir. Vexo a situación un pouco rara, ambigua, como Fundación somos un pouco incómodos.

-¿Que urxe facer nesa institución?
-Unha axuda do anterior Goberno da Xunta permitiu que 15 investigadores mozos fosen a Rusia, América e outros paises onde estivo Castelao para catalogar toda a súa obra. Hai un traballo importantísimo feito que entregamos á actual Xunta, e non se sabe o que van facer.

-¿Que salienta de Castelao?
O Sempre en Galiza. Teño un exemplar da 2ª edición toda subliñada, que lin moitísimo, maís cunha Biblia: aínda non houbo ningún politicastro que se atrevese a facer algo que o corrixa. Ese pensamento de Castelao é actual, debía ser para ler no ensino, nos institutos e na Universidade.

-¿Como ve as letras galegas nos nosos días?
-Agora hai un grupo de intelectuais de gran categoría. Hai moito consolidado. Podía ir aínda mellor se os políticos axudasen máis, en lugar de andar caciqueando.

LA VOZ DE GALICIA, 04/09/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.