A alcaldesa de Cesures presentará unha querela criminal contra o grupo municipal do BNG.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A rexedora cesureña, ao fondo da escaleira, vendo subir onte os edís do BNG cara o xulgado de paz.

Maribel Castro adoptou a decisión ante o fracaso do acto de conciliación no xulgado de paz

O Xulgado de Caldas de Reis será finalmente o encargado de dirimir o contencioso aberto entre a alcaldesa de Pontecesures, Maribel Castro, e o grupo municipal do BNG a raíz da publicación o pasado mes de maio no boletín da formación nacionalista dunha acusación pública contra a rexedora polo suposto emprego de cartos públicos para o amaño da súa vivenda particular. Concretamente, de parte dos recursos da actuación de acondicionamento e de rexeneración ambiental da contorna do regato da Chancela, financiado, executado e fiscalizado integramente pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
Fracasado o acto de conciliación celebrado onte no xulgado de paz do concello cesureño, a rexedora anunciou a inminente presentación dunha querela criminal por inxurias e calumnias contra os integrantes do grupo municipal do BNG no momento da publicación do mencionado boletín. Luis Álvarez Angueira, Margarita García, Cecilia Tarela, Arturo Ferro e Xosé Antonio Baliñas, este último xa fóra da corporación local. Os cinco estaban onte citados ás nove e media da mañá xunto con Maribel Castro, coa que se atoparon xa na casa consistorial, na que se encontra a oficina do xulgado de paz.
As dúas partes falaron a través dos seus respectivos avogados. O letrado do BNG, Gonzalo Enrique Castro, rexeitou a oportunidade de acceder á rectificación solicitada pola alcaldesa na publicación nacionalista a cambio de paralizar o procedemento xudicial, en tanto «non se teñen cometido as inxurias e calumnias que se lles imputan» aos seus representados. Así as cousas, o xuíz de paz estimou que «no hay posibilidad de acercamiento entre las dos posturas».
Finalizado o acto de conciliación, o avogado do Bloque manifestou que «o que se dixo no boletín é absolutamente certo», engadindo que «desde o BNG consideramos inaceptable o uso de diñeiro público para amañar vivendas privadas», ao tempo que «lamentamos que se destinen recursos públicos do propio Concello, a súa asesoría xurídica, pola alcaldesa para defender os seus asuntos persoais».
Sobre este último punto, a aludida subliñou que «a quen denunciaron foi á alcaldesa, non a Maribel Castro. Se me denunciaran a min a nivel particular, outra cousa sería».

LA VOZ DE GALICIA, 16/11/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.