Pontecesures ofrece en agosto clases de reforzo para familias con problemas económicos

Publicado por CONCELLO DE PONTECESURES en

O Concello de Pontecesures anuncia a promoción durante o mes de agosto de clases particulares totalmente de balde para nenos e nenas de todos os niveis educativos cuxas familias teñan problemas económicos.

Con esta iniciativa se pretende garantir que todo o alumnado, teña recursos ou non, poida acceder aos mesmos servizos durante o verán, nomeadamente nunha época como esta de crise económica, que conleva que moitas familias non dispoñan dos recursos necesarios para que os seus fillos e fillas cursen clases de apoio ou de preparación dos exames de setembro.

Os docentes son un grupo de mozos e mozas que xa remataron as súas carreiras universitarias ou están a piques de facelo, que ofrecen os seus servizos dun xeito voluntario. Deste xeito, queda garantida a formación en todas as materias e para todos os niveis. O concello quere agradecer publicamente o esforzo desinteresado destas persoas, sen as que sería imposible poñer en marcha este servizo, o mesmo tempo que anuncia que ainda poden sumarse máis voluntarios a esta actividade.

As clases impartiranse durante o mes de agosto na Casa do Concello, en horario de mañá, durante dous días á semana. Así mesmo, os rapaces recibirán formación unha hora por clase.

As persoas interesadas en tomar parte destas clases deberán acudir a Servizos Sociais, no seu horario habitual de atención ao público, durante o presente mes de xullo, xa que as previsións do goberno local pasan por iniciar esta actividade o 1 de agosto. No momento de cursar a inscripción, haberá que dicir a idade do beneficiario, o curso académico e as materias das que desexa recibir a formación de apoio ou para realizar os exames de setembro.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.