Fiscalía ratifica a súa petición de máis de oito anos de cárcere para un home por abuso e agresión sexual a tres nenas.

Publicado por Redacción en

Xuízo contra un home por abuso e agresión sexual a tres nenas© PontevedraViva

A Fiscalía e a acusación particular ratificaron a súa petición de oito anos e nove meses de prisión para un home por abusar e agredir sexualmente ás dúas fillas e á sobriña, todas menores de idade, da súa parella. O acusado declarouse inocente.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebrou este martes o xuízo a porta pechada, excepto a declaración do acusado. 

No seu informe final, o fiscal, Alejandro Pazos indicou que a acusación quedou «plenamente acreditada» en canto aos feitos producidos e a natureza xurídica do comportamento do procesado. 

Segundo o representante do Ministerio Público, a sobriña do acusado relatou ante a sala de maneira «suficientemente clara y lógica» que en marzo de 2019, cando ela tiña 9 anos de idade, quedou a durmir no domicilio da súa tía, parella do investigado, en Caldas de Reis. Nesa casa vivían tamén as súas curmás, de menos de 14 anos, así como o home investigado. 

Segundo o relato referido desta nena, esa noite, aproveitando que as demais menores atopábanse nunha tenda próxima e a súa parella tampouco estaba na casa, o home, entrou na súa habitación e chamou á menor para que acudise. Ao chegar ao cuarto, a nena atopouse ao noivo da súa tía espido e co pene erecto.

Nese momento, o home indicoulle que se quitara a roupa e que se metera con el na cama. Ante a negativa da nena, o acusado agarrouna polos brazos e tirouna encima da cama, tras o que a menor conseguiu dar unha patada ao home nos seus xenitais. Aproveitou ese momento para fuxir da vivenda, mentres o home gritáballe: «Más te vale que no cuentes nada de esto porque si no voy a matar a tu madre y la segunda va a ser tu prima».

O acusado asegurou con rotundidade que «nunca» se produciron eses feitos e tamén negou as ameazas. «Yo nunca le he insinuado algo sexual, ni tocamientos absurdos ni nada a ninguna de ellas», declarou ante o tribunal.

A Fiscalía sostén que as probas de descargo presentadas pola defensa do acusado «no tienen consistencia» e, ao contrario «refuerzan la ausencia de incredibilidad subjetiva de la víctima» e mesmo algún das testemuñas que declararon en favor do acusado ofrecen unha «corroboración periférica de carácter objetivo» dos feitos relatados pola vítima.

O fiscal tamén se referiu á parella do acusado de quen dixo «mantiene una conducta tendente a proteger los comportamientos del acusado como padre y persona que protegió a las menores de edad en un momento dado y que le dio una estabilidad económica que de otra manera no tendría». Por estes motivos, o fiscal cre que a parella do acusado «pone por encima de cualquier otra consideración el interés por mantener esa relación afectiva».

A Fiscalía, ademais de pedir para o investigado catro anos e seis meses de prisión por un delito de agresión sexual a unha menor de 16 anos agravado por prevalerse o culpable dunha relación de superioridade ou de parentesco en grao de tentativa, solicita tamén tres anos e tres meses de prisión polo delito continuado de abusos sexuais a menores de 16 anos agravado por prevalerse dunha relación de superioridade ou de parentesco; e pide un ano máis polo delito de exhibicionismo e provocación sexual.

O acusado recoñeceu que na súa casa sempre está completamente espido ou espido da cintura para abaixo, un comportamento que mantén en presenza das fillas menores da súa parella. Tamén admitiu que entraba no baño espido cando se estaban bañando as menores e mesmo algún manoseo nos seus peitos e o cu «pero sin ningún afán», dixo negando un ánimo libidinoso neses tocamentos.

O letrado da defensa lembrou ás maxistradas que «la desnudez en si misma no es un hecho delictivo».

A fiscalía cre que as menores saen en defensa da parella da súa nai porque «han normalizado» o seu comportamiento «por el interés de la familia».

O avogado que exerce a acusación particular preguntoulle ao acusado pola existencia dun antecedente penal  cancelable por un delito de abuso sexual de menor de trece anos ou vítima vulnerable e de utilización de menores ou persoas discapacitadas con fins pornográficos derivado dunha sentenza de 2005 dun tribunal suízo. «Yo aún hoy no sé ni quién me denunció ni nada. No sé nada», limitouse a dicir o procesado.

O avogado da defensa insistiu en que«no existe prueba, ni tan siquiera un mínimo indicio» contra o seu cliente e descualificou á sobriña por » fabular» o relato. Por todo iso pediu a libre absolución para o acusado.

O xuízo quedou visto para sentenza. 

Pontevedra Viva


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.