Ambicioso plan de rexeneración para 38 Km do Ulla na comarca.

Publicado por Redacción en

A Xunta de Galicia dá comezo á execución do proxecto Mil ríos para mellorar un total de 470 quilómetros de 50 cursos fluviais e aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático. O Goberno galego impulsa esta iniciativa co obxectivo de restaurar os ámbitos fluviais, incrementar a biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica, cun investimento global de cinco millóns de euros de fondos europeos.

Na véspera do Día internacional de acción polos ríos (14 de marzo), a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presentou este domingo ao pé do Ulla as primeiras actuacións do citado proxecto aos alcaldes dos nove concellos polos que pasa este río, así como a varias asociacións de pesca e medioambientais.

Os traballos previstos consistirán na mellora da vexetación de ribeira mediante a eliminación de especies exóticas invasoras e a plantación de especies autóctonas, así como en suprimir obstáculos e optimizar os dispositivos de franqueo, co que se reforza a capacidade de adaptación dos cauces fluviais.

ONCE TRAMOS DO ULLA. A conselleira de Medio Ambiente adiantou que o Ulla é un dos primeiros ríos nos que se actuará e concretou que se intervirá en once tramos diferentes ao seu paso polo concellos de Padrón, Pontecesures, A Estrada, Teo, Vedra, Boqueixón, Silleda, Vila de Cruces e Touro, que suman un total de 38,4 quilómetros de curso fluvial e que representan un total de 57,5 hectáreas de superficie.

Así, neste río preténdese eliminar especies exóticas invasoras, como, por exemplo, a acacia negra, a falsa acacia e as mimosas que, xunto coa fragmentación dos hábitats, supoñen unha das principais ameazas da biodiversidade galega.

Non obstante, engadiu que este proxecto tamén recolle para o Ulla a “importante” construción dunha nova estación ictiolóxica no Xirimbao, concretamente na presa de Couso, como complemento da de Ximonde, para mellorar o seguimento das poboacións de especies de peixes migradores. “Queremos converter o Ulla nun río exemplar do estudo do salmón a nivel mundial, así como aproveitar os resultados para definir os plans de aproveitamento e de recuperación”, explicou Vázquez Mejuto.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente salientou a importancia deste proxecto polo papel que teñen os ríos, xa que son as arterias naturais de Galicia, que equilibran o ciclo hidrolóxico, transportan nutrientes dende ou seu nacemento ata o mar, contribúen a suavizar as condicións meteorolóxicas e climáticas, especialmente en zonas áridas, e tamén teñen a función de eixos vertebradores do territorio e xeradores deses paisaxes que coas súas augas tinguen de verde a vexetación de todo un territorio que ten ben merecido o alcume de terra dos mil ríos.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.