Maru Astray, neta do exalcalde Piñeiro Ares, triunfa na banda deseñada.

Publicado por Redacción en

A mostra «#Punctum» resitúa á muller na cerna da banda deseñada galega

«#Punctum» poderá visitarse ata o 16 de xuño. Na foto, as autoras Bea Lema, Julia Lago, Pepa Prieto, Xulia Pisón e Maru Astray, na inauguración no Auditorio de Galicia. Uxía Larrosa non puido asistir.

«#Punctum» poderá visitarse ata o 16 de xuño. Na foto, as autoras Bea Lema, Julia Lago, Pepa Prieto, Xulia Pisón e Maru Astray, na inauguración no Auditorio de Galicia. Uxía Larrosa non puido asistir.

A exposición reúne en Santiago no Auditorio de Galicia obras de seis autoras

Publicacións, portadas, carteis, axendas, cerámica e incluso unha bicicleta conforman #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, exposición que acolle o Auditorio de Galicia (Santiago). Detrás desta iniciativa hai un dobre obxectivo. Por unha parte, «é preciso que a banda deseñada e o fanzine sexan recoñecidos como espazos de arte contemporánea», subliña o comisario, Iñigo Rodríguez Román. Por outro lado, achega unha perspectiva feminina, «porque, aínda que se avanzou, segue sendo un sector moi masculinizado», engade Neves Rodríguez, responsable de Mulleres en cadriños, o programa do que forma parte a mostra e que tamén inclúe obradoiros e faladoiros. Para iso a ollada póusase sobre o traballo de seis creadoras galegas: as compostelás Maru Astray e Pepa Prieto Puy e as coruñesas Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa e Xulia Pisón.

O proxecto programado por Compostela Cultura está conformado por máis dun cento de pezas. O percorrido empeza cunha ollada aos fanzines, recollendo catro dos principais da historia en Galicia, como son XofreBdeBandaBarsowia e Frente Comixario. Neste ámbito, tamén se inclúen materiais de catro festivais galegos de fanzine: Fun Fun Fun (Santiago), No Tengo Mamá (Vigo) —que non se celebra desde o 2020—, Autobán (A Coruña) e Vaia Vaia (Lugo). Un apartado que inclúe a primeira zona da mostra destinada a que o público teña un papel activo en na que se lle dá a posibilidade de sentarse e ler algunhas das publicacións.

A partir de aí, e tras unha portada dunha banda deseñada de Julia Lago co título de Nós seis, a mostra xa se mergulla no traballo das autoras. «Son seis espazos, seis artistas, seis formas de entender a banda deseñada, seis plásticas, seis narrativas», detalla o comisario, Iñigo Rodríguez. Así destaca a versatilidade de Xulia Pisón (A Coruña, 1989), da que se poden atopar, por exemplo, un libro mudo que hai que ollar con gafas de 3D, así como traballos onde aborda a saúde mental.

Se hai tamén un denominador común nas obras das seis artistas é o feito autorreferencial. Isto apréciase con claridade no traballo de Bea Lema (A Coruña, 1994), no que recolle a enfermidade mental da súa nai. «Ten un punto de investigación moi interesante porque é moi etnográfico», sinala o comisario. A mostra inclúe a súa obra O corpo de Cristo, un proxecto polo que recibiu o premio de cómic Castelao da Deputación da Coruña —que logo desenvolveu con moito éxito, galardoado internacionalmente—, e outros dos seus traballos co bordado e o téxtil. De Uxía Larrosa (A Coruña, 1993) figuran, entre outras propostas, o traballo co que gañou tamén o premio Castelao de banda deseñada no 2022 xunto a Luis Yang. Con el pódese apreciar como evoluciona un cómic desde os primeiros trazos ao resultado final. «É unha artista que traballa máis coa cor, máis conceptual. Tamén se achega un pouco á imaxe do surrealismo», anota Rodríguez.

De Pepa Prieto Puy (Santiago, 1989) pode verse o recén publicado Mis agendas semanales, resultado do seu traballo durante cinco anos nos que levou a súa vida a pequenas axendas. Nelas apréciase que «non ten medo a experimentar nin coa liña nin coa cor». Na súa obra traslada con claridade o seu estado de ánimo, sendo moi autorreferencial, tratando desde unha entrevista de traballo ata a súa relación de parella. Maru Astray (Santiago, 1994) —autora ademais da gráfica da mostra— conta cunha obra máis contracultural e máis urbana, como queda patente en diversidade de formatos, incluíndo desde autocolantes a unha bicicleta. O percorrido péchase con Julia Lago (A Coruña, 1994), que amosa a súa versatilidade con propostas que van desde a cerámica á ilustración. A exposición completarase coas obras que o público poderá facer nun pequeno espazo destinado á súa participación.

De xeito paralelo, están programados dous obradoiros para a rapazada e catro encontros e conversas con artistas na chamada zona c. «Queremos abrir a fiestra cara a propostas menos estandarizadas, as que están na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais», resalta Míriam Louzao, concelleira de cultura.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.