«www.nuncamais.org» contra o sobresoldo de altos cargos.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

cartosA web, que di non ter nada que ver coa plataforma do «Prestige», está a recoller sinaturas para que a Lei de función pública volva ó Parlamento.

A web www.nuncamais.org acaba de sumarse ás iniciativas postas en marcha por sindicatos en contra do sobresoldo de por vida para os altos cargos que son funcionarios da Xunta que contempla a nova Lei de función pública, publicada no DOG a semana pasada e que entrará en vigor dentro de pouco máis de dez días.

Concretamente, nuncamais.org está a realizar unha campaña de recollida de sinaturas, co fin de que a lei sexa devolta ó Parlamento e se volva modificar, para evitar que os secretarios e directores xerais cobren ó redor 15.000 euros anuais durante toda a súa vida unha vez que deixen o cargo, privilexio do que ademais tamén se beneficiarán os alcaldes, parlamentarios e senadores, así como presidentes de Deputación, que sexan igualmente funcionarios.

A plataforma explica que a páxina web onde se recollen as sinaturas «naceu no seu momento para informar sobre a catástrofe do Prestige, sen partidismos, e hoxe volve abrir ante a lamentable situación sobre a política retributiva dos nosos políticos». Non obstante, os que emprenden a iniciativa queren deixar claro que «non temos que ver coa mal chamada plataforma cidadá Nunca Máis, porque onde hai partidos e sindicatos non hai cidadáns». Deste xeito, queren deixar claro que detrás da iniciativa non hai intereses partidarios.

nuncamais.org lembra que o sobresoldo para altos cargos, «por desgraza, no seu momento o intentou o PP, e non o conseguiu, e os do Bipartito (PSdeG-BNG) puxéronos a parir. Agora eses mesmos que os puxeron a parir (agás a honrosa excepción de Encarna Otero directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda) queren facer o que antes dicían que era malo».

Por iso, a web pide «a inmediata anulación» da Lei de función pública e «a petición pública de desculpas por parte dos nosos políticos». «Se pensas coma nós usa este lazo… correde a voz, isto é unha vergoña, non ten que ver con partidos, nin con ideais, son os nosos cartos», conclúen.

O DATO Xa levan 344 apoios

Un total de 433 persoas levaban asinado o manifesto de «nuncamais.org» onte a media tarde. Os asinantes, declaran a súa «desconformidade» e consideran «un insulto» e un «desprezo contra a cidadanía que os nosos políticos aproben a Lei da función pública de Galicia, nos termos actuais, en especial da «adicional 17º».

GALICIA HOXE, 05/09/07


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.