Matizacións sobre a nota do goberno local relacionada coa Festa Lamprea 2013.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Nas dez edicións da Festa da Lamprea de Pontecesures nas que este concelleiro tivo responsabilidades de goberno (2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2008, 2009, 2010 e 2011), aínda sen dedicación exclusiva, traballei con ilusión para potenciar a través da festa, o consumo dun produto exquisito da gastronomía galega e fundamental para a economía de Pontecesures. Así en ditas edicións houbo moita publicidade, filmáronse programas de radio e televisión en medios autonómicos e nacionais, houbo concursos gastronómicos sobre o cociñado da lamprea de importancia, pregoeiros de prestixio, animacións musicais variadas, carpa ampla nun espazo perfectamente acondicionado, persoal das escolas de hostalería no reparto das racións, restauradores de categoría nos xurados dos concursos….. Houbo tamén novidades nas edicións (despacho de racións tamén nos establecementos de hostalería do municipio nas primeiras edicións, servíronse pinchos de lamprea hai catro anos, potenciáronse as empanadas de lamprea da localidade, etc…) En fin; traballábase con ilusión facendo todo o posible para que a degustación da lamprea, tanto o día da festa como como nos tres meses e medio da campaña de pesca, fora un motivo fundamental para dar a coñecer Pontecesures e os seus recursos. O actual alcalde, co que estiven en seis edicións, pode corroborar perfectamente o que afirmo.

Nesta edición de 2013 a festa devaluouse moitísimo. O goberno local esperou a última hora para ocuparse dun evento pretendendo sempre encargar a organización a toda costa a outros para desentenderse dos traballos. Sí tratou o actual goberno de criticar, ante os veciños e ante a opinión pública en xeral, os gastos de edicións pasadas para desacreditar aos gobernantes anteriores e para facer política.

Pero as edicións anteriores, bastante exitosas por certo, son auga pasada e os gastos foron asumidos polos diversos gobernos (ingresos da festa e recursos en xeral do concello). Se o goberno local non é quen de facer máís do que fixo o domingo pasado non lle pode botar a culpa a ninguén. Estamos diante de un goberno incapaz.

Se fala dos gastos de dúas edicións anteriores pero, intencionadamente, non se fai referencia ao recadado pola venda la lamprea neses anos, ás subvencións e aos donativos. Claro que este ano a festa foi moito máis barata, pero o programa non se pode comparar cos de antes. Obviamente si se fai pouco ou nada, gástase pouco ou nada.

Non desexa entrar este concelleiro en polémicas ou en guerras de cifras. Evidentemente o estado do sólo baixo a carpa foi lamentable, a actitude do goberno non cuidando este detalle trascendental imperdoable, o ambiente baixo a pequena carpa practicamente nulo, o estado de mantemento dos arredores moi deficiente, etc…E non o dí só este concelleiro, senón que foi comprobado polos veciños e polos medios de comunicación.

Arremete o goberno contra a oposición por facer a súa función. Pois o que ten que facer o goberno local é implicarse e traballar para que non sucedan estas cousas. Levan case xa dous anos no goberno e teñen tres concelleiros cobrando con dedicación exclusiva. Dende logo para presentar o evento do pasado domingo non se precisan esas ocupacións retribuídas e así, sen dúbida, teríamos un bo aforro no concello.

Xa por último, rexeitar o tono insultante da nota gubernanmental contral este concelleiro. Se pode debater, se pode discrepar, pero non é de recibo que ocupando uns cargos representativos da institución municipal, se utilicen eses termos contra un integrante da corporación.

Pontecesures, 16/04/13

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.