A preocupante deriva do ferrocarril.

Publicado por Redacción en

Asistimos estes días a unha elevación en ton e frecuencia das queixas pola situación do ferrocarril galego. É difícil entender que, en pleno outono, continúen sen restituírse gran parte dos servizos ferroviarios suspendidos por un estado de alarma que deixamos atrás ao comezar o verán.

A rutina volveu para traballadores e estudantes. Como explicarlles, entón, aos profesionais afeitos a viaxar no primeiro tren da mañá desde Ourense ao seu posto de traballo en Santiago que xa non poden facelo? Como poden manexarse aqueles que organizaban a súa vida cotiá en torno a un abano moito máis amplo de frecuencias no Eixo Atlántico? Que resposta lles damos aos viaxeiros habituais entre Ourense, Monforte e Lugo? E que facemos cos que precisan desprazarse a Barcelona ou a Euskadi?

Máis alá das evidentes molestias e limitacións á cidadanía, preocupa especialmente a ausencia de información por parte do Ministerio de Transportes e de Renfe sobre as previsións que se manexan para o restablecemento dos trens. E, moito máis aínda, inquieta a falta dunha confirmación clara e rotunda de que os servizos serán, en efecto, restituídos nun horizonte non moi lonxano.

Mentres agardamos noticias sobre un AVE que non acaba de chegar, os trens de sempre apagan máquinas e os responsables gardan un clamoroso silencio.

A Administración autonómica coñece ben a dificultade de prestar servizos públicos nun territorio tan disperso e coa singularidade demográfica de Galicia. Ninguén discutirá, polo tanto, desde este ámbito, a necesidade de xestionar os servizos con racionalidade, eficiencia e máxima responsabilidade sobre os recursos públicos. Pero de aí a aceptar que o transporte se rexa polas meras leis da oferta e a demanda, hai un treito que nin os galegos nin o seu Goberno estamos dispostos a percorrer.

O transporte público en Galicia non é, en efecto, economicamente rendible. Resulta doado facerse unha idea da recadación das liñas de autobús que prestan servizo no amplísimo rural galego. Hai uns anos, a nosa comunidade afrontou esa disxuntiva entre deixar morrer os servizos de transporte público deficitarios ou loitar por racionalizalos, melloralos, facelos viables e darlles futuro. Escollemos isto último, porque sabemos que o transporte público é, para moitos galegos, a única porta de acceso á sanidade, a educación, a trámites administrativos e a moitas outras necesidades. E, tamén por iso, aínda que hoxe a ocupación segue lonxe dos niveis previos á pandemia, os autobuses circulan case con total normalidade polo territorio galego.

Pero Renfe preferiu tirar polo camiño fácil. E fíxoo no peor momento.

A pandemia é unha desfeita monumental e extraordinaria. Ante ela, as Administracións temos a oportunidade de demostrar que o Estado do benestar que durante décadas construímos é o noso maior acerto colectivo. Mala cousa se algúns aproveitan o río revolto para cercenar esa estrutura.

Ethel Vázquez Mourelle (Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade)

La Voz ded Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.