Falar cos mortos.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

En Pontecesures era festivo, celebraban a festa da lamprea e por riba, abría as súas portas a feira do coche usado e de ocasión, que é a máis vella de España, porque a dous veciños deulles por ir a Alemaña nos anos vinte e viron que alí vendían os autos despois de os usaren un tempo, para que outros os usasen outro pouco, e así sucesivamente. Con tanta celebración non estaban os veciños para que lles foramos con moitos requilorios, pero non por iso iamos deixar nós o noso roteiro. Chegamos á igrexa de San Xulián onde comezaba unha cerimonia. Un cartel avisa á rapacería: «Prohibido xogar ao fútbol».

-Como se poñan os pícaros, aprenden o rugby e deixan a praza sen cristais -comenteilles aos colegas.

O director pregúntalle a un dos cristiáns que agardaba alí pola cerimonia se sabía cal das dúas torres fora financiada polo doutor Otero Acevedo, e o tipo contestoulle con outra pregunta, como moi da terra:

-¿Vostede cre que un home das ideas de Otero Acevedo, masón, espiritista, esotérico, que di falar cos mortos… ¿vai meter os seus cartos en amañar a torre dunha igrexa?

-Eu non creo nada, eu repito o que lle lin a Borobó, que é o notario da intrahistoria de Pontecesures. Aínda máis, Borobó di que foi o propio Otero quen botou a faltar a cruz coa que se rematan as torres, e que tirou do seu peto para pagarlle a un obreiro que a subira pendurada do lombo.

-Iso é cáseque imposible.

-Non crea (díxenlle eu). O doutor Otero falaba cos mortos todas as mañás. Logo ía á consulta para falar cos vivos, e pola noitiña, viña á igrexa ¡para falar cos santos.

Fixemos as fotos e deixámolo así, porque se seguimos coa teima, o bo do médico ía pagar sobrecargo de tanta conversa inalámbrica. Na feira dos coches había Porsches a esgalla. Non preguntei prezos porque son de natural modesto..

Por José de Cora. GALICIA HOXE, 07/05/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.