O Naútico de Pontecesures, 20º na Liga Nacional de Promesas.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Por dous puntos, 297 fronte a 295, o As Torres-Romaría Vikinga de Catoira se impuxo ao Náutico Firrete na súa loita pechada polo subcampionato da Liga Nacional de Jóvenes Promesas. Unha categoría que este ano englobou os mellores palistas infantís e cadetes dos clubs españois, e que a pasada fin de semana completou o seu calendario coa súa terceira proba, o Campionato de España de Jóvenes Promesas sobre 1.000 metros.
En Castelldefels, Barcelona, As Torres foi terceiro na clasificación por equipos con 535 puntos, polos 579 do Firrete, segundo, e os 772 do Escuela Piragüismo Aranjuez, que se levou o título da Liga con pleno de vitorias, logo de gañar tamén a Copa de España Infantil sobre 3.000 metros e a Cadete sobre 1.000. O club madrileño acumulou desta maneira 315 puntos.
En Castelldefels o Breogán foi outro dos destacados, décimo na clasificación do Campionato de España con 295 puntos e o mesmo número de podios cas Torres: tres títulos e dúas pratas para o primeiro, e tres títulos, unha prata e un bronce para o de Catoira. O Náutico Pontecesures rematou vixésimo con 191 puntos, e o Náutico O Muíño de Ribadumia no posto 59 con 28, dun total de 74 participantes.
A nivel individual, as alegrías dos representantes arousáns comezaron na tarde do sábado, coa vitoria de Pedro Galbán Lesende, das Torres, na final de Infantil B C-1 cun crono de 5.17.054. Un triunfo en apretado final con Álvaro Garrido, do Aranjuez, que entrou a tan só medio segundo do gañador.
Seguindo a orde cronolóxica do programa do Campionato de España, o seguinte palista da zona en subirse ao podio de Castelldefels foi o breoganista Manuel Vieira Lois. E tamén para recoller o ouro, na regata de Infantil A K-1, que se levou con claridade cun tempo de 4.05.921, con 3 segundos sobre Lluis Darne (Banyoles) e Cristian Silva (Unión Boiro-Rianxo).
Jénnifer Rey Miguéns (6.31.354) e Sara Rodríguez Carril (6.53.909), compañeiras nas Torres, foron prata e bronce no Dama Infantil A C-1, sen opción ningunha de triunfo ante Eva Painceiras (6.20.762), do Náutico Firrete.
En Cadete B C-1 Manuel García Naveira deulle a prata ao Breogán, a 4 segundos de Jorge Gavilán García-Muñoz, do club Mar Menor. Como prata foi a tamén breoganista Tania Elizabeth Álvarez Yates en Dama Cadete A K-1, a un segundo de Alicia Heredia Ávila, do RCN Palma (4.22.228).
Catro metais o domingo
A xornada do domingo ofreceu as finais das embarcacións dobres e de tripulacións de catro palistas. E aquí tamén houbo unha boa colleita de podios para os arousáns.
Carlos Álvarez Vázquez e Manuel Vieira Lois proclamáronse campións de España en Infantil K-2, finalizando a proba do quilómetro cun tempo de 3.51.613, sete segundos menos que a parella do Piragüismo Cuenca.
O éxito foi compartido por Jénnifer Rey Miguéns e por Sara Rodríguez Carril, que xuntas foron quen de acadar o que non deran conquistado por separado. O título, co mellor tempo na final de Dama Infantil C-2: 5.35.263. A seguinte embarcación, do Pisuerga de Valladolid, chegou á meta xa 12 segundos máis tarde.
As dúas últimas medallas das Torres e do Breogán compartiron cor. E foi amarela. Rubén Gómez Rial e Álvaro Novo López formaron a mellor parella no Cadete C-2, empregando 4.06.425 para completar primeiros o quilómetro. Brais Casas e David Amenedo, do Firrete, pisáronlles os talóns, a 913 milésimas de segundo.
Máis apretada aínda foi a final de Dama Cadete K-4. Tania Elizabeth Álvarez Yates, Natalia García Naveiro, María Amelia Rojo Telmo e Laura García Naveiro, do Breogán do Grove, son as novas campioas de España, ao superar na meta por 224 milésimas de segundo ao cuarteto que defendía as cores do Real Grupo de Cultura Covadonga.
A tempada de piragüismo para clubs pecharáse este sábado, co Descenso do Sil, valedeiro para a Copa Galega de Ríos.

LA VOZ DE GALICIA, 07/09/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.