A Fundación Rosalía de Castro acolle hoxe en Padrón a quinta edición do festival ‘Abride a Fiestra’, coincidindo co día no que se cumpren 138 anos do pasamento da autora. O evento acollerá diferentes manifestacións culturais das que Rosalía será a figura central. Entre os protagonistas do evento están Xisco Feijoo, AldaoLado, Antón Reixa, Xurxo Souto, Olga Novo e Moncha Fuentes, entre outros. A xornada da comezo ás 11 da mañá e ata media noite acollerá máis dunha vintena de actividades. Visitas guiadas pola Horta de Rosalía ou a Casa para crianzas, recitais e presentacións de libros son algunhas das posibilidades. Ademais haberá unha cata de viños a e unha degustación de vermú. Tamén haberá posibilidade de xantar na propia Horta da Casa da Matanza a partir das 14.00 horas.
Asimismo, para os máis pequenos haberá un espazo de brinquedos tradicionais, un obradoiro de brinquedos sonoros e un concerto de Ce Orquestra Pantasma. Durante todo o día na Casa de Rosalía haberá feira de produtos rosalianos, un espazo de brinquedos tradicionais, e un pianista residente ao Piano de Rosalía. Esta edición do ‘Abride a Fiestra’ rematará coa observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío, para a que se recomenda levar primáticos.
A Inchadiña Branca Vela celebrábase por primeira vez no 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Xurdía así como unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a Rosalía de Castro, quen en Cantares falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. E dende entón a tradición pervive, e este sábado vinte embarcacións tradicionais de toda Galicia uníronse novamente á Inchadiña branca vela. Subiron Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo: gamelas, galeóns, dúas bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Catoira, de Dodro e de Valga, ademais da adega Paco&Lola.
A xornada de navegación realizou o percorrido habitual. Subiron ás 16.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón. No municipio de Valga a concelleira de Turismo, Malena Isorna, saudou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a Amancio Prada, músico e compositor que participou na ruta fluvial a bordo da dorna Roxiña. A saída das travesías estivo amenizada pola Banda Municipal de Música da vila. Unha vez en Padrón rendeuse unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón padronés a iso das 18.30 horas. A continuación, arredor das 22.00 horas, tivo lugar un concerto do grupo Amigos do Acordeón das Rías Baixas. Nesta décima edición da Inchadiña virán embarcacións de toda Galicia: o Langaño e o Támara, un bote e unha buceta do Freixo; o Minxos, gamela da Guarda; e as dornas Rosalía, Forza R, Madorniña, Fuxe, Anduriña, Nerea, Zenaida, Nova Maruxa, Bandalla, Maristela, Cadórniga, Ortelinda, Roxiña e Montañesa. A Inchadiña deste ano estivo dedicada ao mariñeiro Parada, que participou en todas as edicións coa súa dorna Forza R e mesmo protagonizou o cartel da segunda. A el dedicóuselle un minuto de silencio durante a ofrenda na estatua de Rosalía. Segundo sinalaron dende a organización, a xornada de navegación foi pracenteira: coa marea e o vento a favor.
ANIVERSARIO A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario duraron todo un ano, dende xullo do ano pasado ata este domingo, 16 de xullo de 2022. A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de toda a comunidade e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa. Tanta historia levou a que Casa de Rosalía decidise celebrar os seus 50 anos de vida por todo o alto: visitas virtuais, exposicións itinerantes, diálogos literarios multilingües… e incluso se reformou o auditorio da Casa Museo. Iso si, todo chega ao seu fina e farao este domingo co festival Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas.
Rematan as celebracións do aniversario
···Este domingo rematan os festexos do 50 aniversario e farano coa cuarta edición do festival Abride a Fiestra. A celebración acollerá diferentes manifestacións culturais que terán a Rosalía como figura central dos actos.
··· Como protagonistas deste domingo hai que destacar a Leilía, que están a celebrar o seu 30 aniversario, LaMontagne&PicoAmperio e Brais das Hortas para os máis pequenos.
··· Nesta xornada de portas abertas estará tamén Pepe Carreiro debuxando a Rosalía na Horta da Casa da Matanza. Haberá regueifas da man de Luís O Caruncho e Lupe Blanco. Non faltarán tampouco os libros e a literatura.
··· Haberá cinema da man da curta sobre Rosalía ‘A Rosa Incandescente’. Presentarase o proxecto ‘Es ti que cantas’ e terá lugar un obradoiro de astronomía.
··· Ademais desenvolverase unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola e volven as visitas guiadas.
Fruqui é o fío condutor dunha desas entidades deportivas felices con formar os rapaces do seu pobo.
«Estou adestrando nenos de pais que xa adestrara sendo chavais». José Rodríguez Fructuoso, Fruqui, cumpría hai un mes onte os 51. Unha idade na que a maioría dos integrantes dos corpos técnicos e directivos dun club de baloncesto celebran quizais a súa primeira década de rodaxe. Fruqui vai a medio cabalo entre a terceira e a cuarta. Convertido na personificación do deporte da canastra na súa localidade, Pontecesures, participando en todas e cada unha das versións e etapas dun club enraizado nos anos 80 que nunca, nunca, perdeu a súa esencia e o seu santo e sinal: servir de casa común ás sucesivas xeracións de novos rapaces da vila na que se educar a través do deporte.
Despois de dous anos xogando no C.B. Padrón, un grupo de adolescentes de Pontecesures enganchados ao baloncesto no colexio do seu municipio buscáronse a vida tras a desaparición do club da outra beira do Ulla. Coa axuda de dous profesores do seu antigo centro escolar e da muller do director da oficinal local de Caixanova, que posuía o título de adestradora. Así nacía en 1985 o C.B. Cesures, cun equipo xuvenil. Esa mesma tempada, Fruqui animouse a botarlles unha man a quenes eran os seus compañeiros de quinta escolar. «Entrei de utillero», conta, ocupándose desde o marcador ata labores de vasoira. Coma hoxe, xogaban no pavillón do colexio de Pontecesures, só que daquela ao aire libre e «os equipos cambiábanse nos vestiarios do colexio».
Fruqui, que con anterioridade probara a facer piragüismo e fútbol, acabou no segundo ano enrolado nas filas de xogadores do novo equipo. Pero só «xoguei 2 tempadas», di. ¿De que? « De nada», contesta con humor. «Nunca xogara». Digamos que foi aleiro.
Por aí semella vir a súa predisposición para asumir o marrón que se lles presentou aos pioneiros do baloncesto cesureño cando na segunda tempada do club os tres adultos que respaldaran o proxecto tiveron que abandonalo por traballo. «Eramos rapaces que acababamos de facer os 18 anos. E uns cantos decidimos coller a directiva. Era iso, ou o club desaparecía», conta Fruqui, tesoureiro naquel curso 1987/88 no que tamén foi xogador e mais adestrador. Ao ano seguinte Miguel Miguéns, que aceptara a responsabilidade da presidencia, tamén se tivo que apartar, por estudos, coincidindo coa marcha de boa parte do grupo fundacional. A resposta do noso rostro do deporte foi coller a presidencia, e tirar adiante ao tempo que comezaba a sacarse os títulos oficiais de adestrador, con Pepe Casal e o preparador físico José Andrés, integrantes do corpo técnico do Obradoiro a finais dos 80, como mestres no seu primeiro curso. Gastando 500 pesetas do seu peto de vinteañeiro en fotocopiar unhas fichas de exercicios do OAR que lle prestara un técnico do club ferrolán co que coincidira nunhas xornadas educativas. Era o prólogo a unha nova década, a dos 90, que lle depararía a Fruqui e mais ao baloncesto cesureño unha viaxe en montaña rusa.
Comezaron chegar as alegrías deportivas, clasificando o equipo xuvenil por primeira vez para a Liga Galega, na tempada 1990/91, e medíndose a xente como o no futuro seleccionador español Moncho López, en calidade de adestrador do Narón. En 1991 a estrutura do club traspasouse a Padrón xusto cando comezaba a despegar, cun terceiro equipo de base en capela máis o sénior, polo incumprimento, lembra Fruqui, das promesas de apoio económico do entón alcalde de Pontecesures, José Piñeiro Ares. Un lustro tardou en facer o camiño de volta, co cambio de rexedor animando a un novo grupo de rapaces a recuperar o C.B. Cesures. Fruqui retornou na campaña 1996/97 de Padrón, onde só exercera de adestrador, co seu primeiro ascenso desde Liga Zonal co equipo sénior no peto. Unha efémera experiencia de club mancomunado entre Pontecesures, Caldas e Cuntis (1997/98) e o xurdimento do primeiro equipo cesureño feminino despediron o Século XX, dando entrada a un Século XXI que arrincou coa fusión do C.B. Cesures e o C.B. Concello de Valga no ano 2000.
Con Fruqui ininterrumpidamente desde o final da súa etapa en Padrón en labores de coordinador deportivo e de adestrador en todos estes sucesivos proxectos, o novo club, o C.B. Río Ulla, non deixou de medrar ata tocar teito na campaña 2017/18 cunha ducia de equipos e 124 fichas. Co número de rapazas e de mulleres igualando o de homes no 2010 e superándoo desde mediados da presente década, dándolle a Fruqui unha das súas maiores satisfaccións nestes 35 anos de traxectoria no baloncesto: «Conseguir asentar o equipo sénior feminino durante os cinco últimos anos».
¿Que leva a seguir ao pé da obra a un home que desde a tempada pasada mesmo volveu asumir a responsabilidade dun cargo de directivo -tesoureiro- tras deixar atrás esa ingrata tarefa no 2016? Máis aló de que «me segue a gustar o xogo en si», Fruqui, que dirixe esta tempada un conxunto cadete, confesa que «me gusta ver medrar os rapaces, como xogadores na cancha e como persoas fóra dela». E reconfórtase vendo como, pese a todo, os rapaces e non tan rapaces seguen a sentir o C.B. Río Ulla como a súa casa común, reunindo hoxe oito equipos, incluídos os séniores masculino e feminino, e mantendo 83 das 107 fichas da tempada anterior inda sen un horizonte claro no que se ver competindo outra vez.
FICHA
Persoal
José Rodríguez Fructuoso naceu en Pontecesures o 25 de setembro de 1969. Traballa como técnico de emprego e de desenvolvemento do Concello cesureño.
Traxectoria no deporte
Fruqui leva 35 anos servindo de columna vertebral sobre a que descansaron os diferentes proxectos do baloncesto de Pontecesures.
Doce establecementos hostaleiros sumanse este ano a ruta de tapas Saborea Padrón, unha nova edición que o Concello xa ten a punto e que comezará na fin de semana do 23 ao 25 de outubro e finalizará a fin de semana do 30 de outubro ao 1 de novembro. Os locais participantes presentan unha proposta gastronómica composta por trece tapas elaboradas a base de produtos máis da terra, a un prezo de 2 euros, coas que os hostaleiros de Padrón buscan sorprender aos seus clientes. “Esta é unha gran oportunidade para mostrar o gran nivel da gastronomía padronesa, e agardamos que esta ruta sexa un motivo para atraer visitantes. Estamos seguros de que todos e todas os que veñan a coñecernos, quererán volver no futuro porque en Padrón temos moito que ofrecer”, sinalou a concelleira de Turismo, Lorena Couso.
Os locais participantes son O Piorno, Panadería San José, O secreto, O secreto do viño, Chef Rivera, Ruta Xacobea, Café Cultural Airiños, Restaurante O Santiaguiño, Retro Visor, Cafetería Bámbola, Alpendre e Café Século XX.
E n canto as propostas gastronómicas son: O segredo do cocho, secreto ibérico a baixa temperatura con pemento asado e redución do seu xugo con salsa de soia; Miudiños de outono, doce de biscoito elaborado con castañas, noces e cacao; Osiños do Samaín, rosquillas en forma de oso; Algo máis que calamares, montadiño de calamares, lacón con grelos e queixo, mini burguer de lacón con grelos e queixo;‘Cocido ben peregrino, roupa vella sobre puré de fabas, grelos salteados, tella de pataca e aceite de chourizo; Peregrinator, lasaña de outono, ruliño de castaña, filloa rechea de espinacas, lacón e queixo de Arzúa con compota de mazá; Traslatio Toast, tosta con cebola caramelizada, rulo de cabra, tomate, marmelada e abanico Ibérico; Sabores do Camiño, bacallau frito na cuncha da vieira con pataca, crocante e cebola caramelizada, pemento en po e aroma de perexil; Vieiriña, follado recheo de crema con vieira, ourizos e algas; Obradoiro, carrillera de porco criado con castañas no seu xugo con patacas estofadas, e Atípico, solombo de porco con froitos vermellos.
Todas as persoas que participen co seu voto na elección da mellor tapa entrarán nun sorteo de varios vales para consumir ben no establecemento gañador ou nalgún dos outros locais.
Ademáis este ano, coincidindo coa celebración de Saborea Padrón e co obxectivo de que os máis pequenos da casa desfruten da celebración de Samaín, o Concello colaborou coa Panadería San José para organizar o I Concurso de deseño de cabazas da vila. Esta deseñado para que participen nenos e nenas de 3 a 14 anos, que terán que presentar unha composición cun elemento relacionado coa vila de Padrón.