A Inchadiña Branca Vela trae ata Padrón vinte embarcacións.

Publicado por Redacción en

A Inchadiña Branca Vela celebrábase por primeira vez no 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Xurdía así como unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a Rosalía de Castro, quen en Cantares falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. E dende entón a tradición pervive, e este sábado vinte embarcacións tradicionais de toda Galicia uníronse novamente á Inchadiña branca vela.
Subiron Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo: gamelas, galeóns, dúas bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Catoira, de Dodro e de Valga, ademais da adega Paco&Lola.

A xornada de navegación realizou o percorrido habitual. Subiron ás 16.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón. No municipio de Valga a concelleira de Turismo, Malena Isorna, saudou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a Amancio Prada, músico e compositor que participou na ruta fluvial a bordo da dorna Roxiña. A saída das travesías estivo amenizada pola Banda Municipal de Música da vila. Unha vez en Padrón rendeuse unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón padronés a iso das 18.30 horas. A continuación, arredor das 22.00 horas, tivo lugar un concerto do grupo Amigos do Acordeón das Rías Baixas.
Nesta décima edición da Inchadiña virán embarcacións de toda Galicia: o Langaño e o Támara, un bote e unha buceta do Freixo; o Minxos, gamela da Guarda; e as dornas Rosalía, Forza R, Madorniña, Fuxe, Anduriña, Nerea, Zenaida, Nova Maruxa, Bandalla, Maristela, Cadórniga, Ortelinda, Roxiña e Montañesa.
A Inchadiña deste ano estivo dedicada ao mariñeiro Parada, que participou en todas as edicións coa súa dorna Forza R e mesmo protagonizou o cartel da segunda. A el dedicóuselle un minuto de silencio durante a ofrenda na estatua de Rosalía. Segundo sinalaron dende a organización, a xornada de navegación foi pracenteira: coa marea e o vento a favor.



ANIVERSARIO A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario duraron todo un ano, dende xullo do ano pasado ata este domingo, 16 de xullo de 2022. A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de toda a comunidade e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Tanta historia levou a que Casa de Rosalía decidise celebrar os seus 50 anos de vida por todo o alto: visitas virtuais, exposicións itinerantes, diálogos literarios multilingües… e incluso se reformou o auditorio da Casa Museo. Iso si, todo chega ao seu fina e farao este domingo co festival Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas.


Rematan as celebracións do aniversario

···Este domingo rematan os festexos do 50 aniversario e farano coa cuarta edición do festival Abride a Fiestra. A celebración acollerá diferentes manifestacións culturais que terán a Rosalía como figura central dos actos.

··· Como protagonistas deste domingo hai que destacar a Leilía, que están a celebrar o seu 30 aniversario, LaMontagne&PicoAmperio e Brais das Hortas para os máis pequenos.

··· Nesta xornada de portas abertas estará tamén Pepe Carreiro debuxando a Rosalía na Horta da Casa da Matanza. Haberá regueifas da man de Luís O Caruncho e Lupe Blanco. Non faltarán tampouco os libros e a literatura.

··· Haberá cinema da man da curta sobre Rosalía ‘A Rosa Incandescente’. Presentarase o proxecto ‘Es ti que cantas’ e terá lugar un obradoiro de astronomía.

··· Ademais desenvolverase unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola e volven as visitas guiadas.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.