Roberto Varela percorre un tramo do Camiño Portugués en Valga.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Roberto Varela percorre un tramo do Camiño Portugués no concello de Valga onde se construirá un dos 10 novos albergues para este Ano Santo
O conselleiro visitou o espazo onde se levantará o albergue do concello pontevedrés.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, percorreu esta mañá un tramo do Camiño Portugués ao seu paso polo concello de Valga. Ao inicio do traxecto o conselleiro de Cultura e o alcalde do concello de Valga, José María Bello achegáronse ata o espazo onde se construirá o albergue de peregrinos na Parroquia de Setecoros, que será financiado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo cun orzamento de 660.000 euros. Na súa visita ao lugar onde se edificará o albergue do concello de Valga, Roberto Varela anunciou a entrada en funcionamento durante o Ano Santo dun total de 10 novos albergues da Rede de albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. O percorrido deste tramo do Camiño Portugués finou na área de descanso A ponte do río Valga.

O conselleiro de Cultura e Turismo sinalou que os concellos nos que se localizarán os dez novos albergues repártense por toda a xeografía galega. Estarán ubicados en Samos (Camiño Francés), Dumbría (Camiño Fisterra-Muxía), Seixas – Palas de Rei e Castroverde (Camiño Primitivo), Betanzos e Carral (Camiño Inglés), Boimorto (Camiño Norte), Pontecesures (Camiño Portugués) e Trasmiras (Vía da Prata). Roberto Varela apuntou cara unha «paulatina inauguración» dos dez novos locais, xa que irán entrando en funcionamento «de xeito progresivo nos próximos meses».

O conselleiro comunicou, do mesmo xeito, que «nun espazo de tempo máis a longo prazo» implementaranse obras de construción de novos albergues nos concellos de A Fonsagrada (Camiño Primitivo), A Mezquita (Vía da Prata), Ribadeo (Camiño do Norte), Sigüeiro e Pontedeume (Camiño Inglés) ou Barreiros (Camiño Norte) .

Respecto á rede de albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Roberto Varela recordou no concello de Valga que «ao longo de todo o ano executaranse labores de conservación e mantemento en 49 dos 64 albergues dependentes da Xunta, cun gasto de máis de 900.000 euros». Asemade o conselleiro lembrou que se intervirá na substitución e mellora do mobiliario «que permitirá ampliar o número de prazas en 8 locais».

Albergues temporais
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recordou que a Consellería está a «traballar en colaboración cos concellos, entidades relixiosas e outras institucións para a instalación de albergues provisionais nos puntos dos Camiños de Santiago onde prevemos que poida haber máis demanda de prazas». Neste sentido, o conselleiro anuncio que esta mesma semana se enviarán un total de 30 convenios de colaboración para habilitar ata 3.900 prazas empregando as infraestruturas propostas polos propios concellos e entidades colaboradoras.

Isto permitirá duplicar as 3.000 prazas actuais ata ofertar, segundo o conselleiro, «preto de 6.900 prazas con todas as garantías de aloxamento aos peregrinos no períodos de máxima afluencia de camiñantes». A Consellería de Cultura e Turismo destinará a tal efecto unha partida orzamentaria de 1.357.000 euros.

Con esta actuación, a Xunta de Galicia pretende complementar a rede de albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e ofrecer uns servizos adecuados ás necesidades actuais dos peregrinos que se acheguen Galicia neste Ano Santo 2010.

Páxina oficial da Xunta, 15/03/10


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.