Angueira: «Non se puido probar nada porque non había nada que probar»

Publicado por Redacción en

O caso do gasoil é, sen dúbida algunha, o capítulo máis escabroso dos anos de vida pública de Luís Manuel Álvarez Angueira. O alcalde de Pontecesures polo BNG ven de se ver liberado da mancha que pesaba sobre a súa traxectoria despois de que un xurado popular o declarara, por unanimidade, inocente dun suposto delicto de malversación de máis de 6.000 euros na compra de gasoil.

-¿Como respira despois do veredicto de onte?

-A verdade é que estou moi ben de ánimo. Saímos desta situación como tiñamos que saír, como somos: inocentes. Hai que pensar que este foi un proceso moi longo, que empezou hai oito anos, que se arquivou catro veces, que houbo informes da Fiscalía desestimando as acusacións, e as persoas que iniciaron todo isto [os concelleiros Luis Ángel Sabariz da ACP, e Alfonso Diz, PP] insistiron e insistiron ata que o tema chegou a este punto. Estes dous días de xuízo foron moi desagradables, por iso quero agradecer á miña familia e aos meus compañeiros de partido, tanto a Cecilia Tarela como aos demais, desde Vence á responsable comarcal Anxos Riveiro, todo o apoio que me amosaron. Cando se pon en tela de xuízo a túa honradez, é bo saber que tes xente que está ao teu lado.

-Di Sabariz que non se puideron probar as acusacións porque non se permitiron facer unha serie de preguntas no xuízo. Mesmo está pensando en recorrer a sentenza. ¿Cree que o fará?

-Non o sei. Eu o que sei é que non se puido probar nada porque non hai nada que probar. En todo caso, poden recorrer o que queiran, están no seu dereito a facelo… Tampouco sería a primeira vez, ¿non?. En calquera caso, xa me dá igual o que fagan.

-Dicía vostede o xoves, despois de coñecer o veredicto, que vai denunciar a quen ata agora o denunciou a vostede. ¿Foi unha ameaza en quente ou sigue a pensar igual?

-Recoñezo que nestes momentos sinto certa rabia por todo o que tiven que pasar, por ese trago de verte na Audiencia acusado, para que todo remate no veredicto de inocencia de sempre. Así que o primeiro que teño que facer é sentarme e enfriar. En canto o consiga terei que mirar o que vou facer. Se hai algo denunciable, denunciareino. Pero tampouco teño pensado meterme en guerras. Dentro de pouco a miña vida vai ser moito máis tranquila. Quédame, iso si, traballar duro na campaña para conseguir que Cecilia [Tarela] sexa a próxima alcaldesa de Pontecesures. Vou ir casa por casa se fai falla, porque me demostrou que é unha persoa que cree na xente.

-Se o caso do gasoil tivese quedado aclarado antes, ¿podería ter repetido vostede no cartel do BNG?

-Non, non ten nada que ver. Eu cando tomei a decisión de marchar aínda non sabía nin a data do xuízo. Xa o dixen máis veces, non tivo que ver unha cousa coa outra, de feito me presentara dúas veces con este caso en marcha. A política é algo que precisa de moita ilusión, e aínda que a min me gusta, xa non estou tan ilusionado como debería. Hai que pensar que levo 24 anos… Eu xa fixen o meu papel neste concello, tanto na oposición como como alcalde. ? certo que me gustaría ter conseguido nalgún momento a maioría absoluta, pero non puido ser. Seguirei botando unha man no que poida, sobre todo para que Cecilia sexa alcaldesa.

-¿E os veciños que lle din?

-Francamente, quedei moi sorprendido da cantidade de apoios e de felicitacións que me chegaron da xente do pobo. Eu creo que os veciños sempre entenderon a que obedecía todo isto: a unha obsesión que ese home [Luis Ángel Sabariz] ten coa miña persoa. Non sei que vai facer sen min.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.