Pontecesures presenta un programa de Nadal «pensado para toda a familia».

Publicado por Redacción en

Espectáculos de maxia e humor, obradoiros de cociña para a rapazada e para adultos e as visitas de Papa Noel, o Apalpador e os Reis Magos, as citas máis destacadas das festas.

Belén no barrio de Porto que realizan cada ano un grupo de veciñas cesureñas. DP
photo_cameraBelén no barrio de Porto que realizan cada ano un grupo de veciñas cesureñas.

A alcaldesa de PontecesuresMaite Tocino, deu a coñecer os detalles da variada programación de Nadal deseñada polo Concello, «pensada para toda a familia» e na que a gastronomía terá un papel moi relevante, sinala a rexedora. Dará comezo este venres co espectáculo Abracadáver, de Dani Blanco. A cita será ás 18.30 horas no Centro Social. Trátase dunha actividade que mistura o humor cos malabares, o escapismo e moitas outras sorpresas.

O día 22, entre as 17.00 e as 20.00 horas, o Centro social acollerá un obradoiro de cociña e repostería para adultos, unha proposta que se repetirá o 28 de decembro, no mesmo horario e emprazamento, pero destinado á rapazada. O día de Noiteboa chegará Papa Noel para percorrer a vila e as aldeas do municipio. O día 30 de decembro tocaralle visita ao Apalpador, acompañado por Os Monifantes, ás 19.00 horas.PUBLICIDAD

Con respecto á Cabalgata dos Reis Magos, a alcaldesa salientou que volverán saír as carrozas reais, «grazas á colaboración desinteresada dun grupo de veciñas, que están participando activamente na súa posta a punto e decoración». A comitiva partirá da Nave de Obras ás 17.00 horas do 5 de xaneiro. A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar á Prazuela está prevista en torno ás 18.30 horas.

Unha das grandes novidades da programación de Nadal será o 7 de xaneiro, día do patrón San Xulián, cando se celebre a tradicional Festa do Churro. Este evento gastronómico adoita ser unha das grandes citas das Festas do Carme, pero nesta ocasión desenvolverase por primeira vez nestas datas. Maite Tocino lembra que o pasado verán acordouse esta medida co tecido social, ante a imposibilidade de organizala a tempo dentro das Festas do Carme, ante a ausencia de programación realizada polo anterior Goberno local.

Ademais, tal e como sinalou a rexedora municipal, «entendemos que estas datas, xa en inverno, son máis axeitadas para poñer en valor este produto, polo que agardamos unha gran asistencia». Nesa xornada, está prevista a actuación de dous grupos de música tradicional da vila. A Festa do Churro estará amenizada polo dúo Nueva Era.

Diario de Pontevedra


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.