Contestación ás acusacións do BNG de Pontecesures sobre a chegada de David Meca ao peirao no reto Xacobeo.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

1-Coñece perfectamente o BNG de Pontecesures que o concello non organizou este evento. Precisamente na prensa de hoxe aparece un anuncio publicitario cos datos da empresa que organizou o mesmo felicitando ao nadador pola súa xesta, e ao Xacobeo 2010 pola súa iniciativa.

2-Con data 04/01/10 está empresa púxose en contacto por primeira vez co concello solicitando a presenza da alcaldesa para recibir ao nadador e que se difundira moito o acto para que houbera público na propia chegada. Para nada solicitouse operativo algún de seguridade na chegada pois se nos dixo que o nadador chegaría canso, e se metería nun coche para ir ao hotel para se recuperar. Tamén se nos indicou que a recepción formal e protocolaria por parte das autoridades autonómicas e do Xacobeo sería o día 6 na Praza do Obradoiro de Santiago como así foi.

3-Deste xeito, colocaronse bandos na localidade, fíxeronse anuncios en Radio Valga sobre a chegada, encargouse unha traca de bombas de palenque para recibir ao nadador, e tamén un ramo de flores para entregarlle a David Meca en nome do Concello de Pontecesures. Tamén foi limpado na mañá do día 5, no que se puido, o espazo portuario, e colocáronse bandeiras nos mástiles.

4-Tamén este concelleiro contactou coa empresa organizadora para dicirlle que tiñan que contactar con Portos de Galicia para comunicar o uso do pantalán ou das ramplas, tendo en conta que o citado pantalán estaba completamente cheo de embarcacións. Tamén lles falei dos proxectores por se o nadador chegaba de noite. Dixéronme que xa o barco que o acompañaba traía un potente foco e que, entón ,non facía falta instalar iluminación adicional no peirao. Por certo; o gran foco do barco apagouse a non moito da chegada a Pontecesures (nas Cortinallas-Valga) do nadador, ao parecer por petición de Meca segundo fontes da organización.
5-Certamente a nosa Policía Local tiña á mesma hora a Cabalgata de Reis, e a organización non solicitou forzas de seguridade á Subdelegación do Goberno. ¿Que debeu solicitalos o concello?. ? discutible non organizando o acto, pero pode ser. Porén, este concelleiro ao ver a enorme asistencia de público e sobre ás 18,15 horas chamou ao Cuartel da Garda Civil de Valga pero estaba pechado. Contactei co de Vilagarcía para que enviase algunha patrulla con urxencia, Veu unha sí, pero xa era difícil actuar con tantos miles de persoas no peirao.

6-Por tanto, o concello non tivo nada que ver nin na fixación da data, nin no horario, nin no dispositivo de seguridade, nin no de evacuación polos efectivos sanitarios. Porén, non queremos entrar en polémica algunha. O importante foi a xesta e que se potenciase a ruta Marítimo Fluvial Xacobea dentro do Ano Xacobeo. Temos que agradecerlle a S.A. de Xestión esta iniciativa e tampouco temos que que entrar en disputa algunha coa empresa organizadora. A asistencia foi impresionante, desbordou todas as previsións, e hai que ser comprensivo nestes casos.

7-Na súa nota catastrofista, o BNG quere sacar rédito político, a posteriori, da situación, tratando de deixar mal o nome de Pontecesures e atacando con falsidades aos membros do goberno local. En lugar de botar unha man na situación de apuro que nos desbordaba a todos, parece ser que dedicáronse a observar o que facían os membros do goberno, ou mellor dito, a recoller todo tipo de comentarios da rúa como fixeron tantas veces sen contrastar os datos. Que triste formar parte dunha corporación para desexar que todo saia mal. Ninguén impediu a saída do nadador ata entrar na ambulancia. Dicir, por exemplo, que Sabariz incordiaba con megáfono en man ao nadador impedindo o seu traslado é unha auténtica barbaridade, que non cabe en cabeza algunha. Esta visto que a manipulación non ten límites.

En fin, a crítica destructiva, parece que segue a ser a tónica do BNG de Pontecesures. Pois isto non é ningunha novidade. Para nós, e para Pontecesures, o importante e que a S.A. de Xestión do Xacobeo vai contar bastante con esta vila no Xacobeo 2010 que ahora principia. Co BNG xa sabemos que non podemos contar. O esperado.

Pontecesures, 09/01/10

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro de relacións institucionais de Pontecesures


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.